Centros Socioculturais

O Concello colabora con Ponte… nas Ondas! e o Consello da Cultura Galega ne celebración do Mes do Patrimonio

25/10/2024 Santiago acollerá ata o 16 de novembro, Día do Patrimonio, diferentes actividades para celebrar o Mes do Patrimonio e remarcar a importancia de conservar e compartir as prácticas culturais que forman parte da nosa identidade. O programa, impulsado pola asociación Ponte… nas Ondas!, conta coa colaboración do Concello e do Consello da Cultura Galega.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, participou na presentación do programa, nunha rolda de prensa na que interviron apresidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, o presidente da asociación Ponte....nas ondas! (PNO!), Santiago Veloso.

Actividades nos centros socioculturais
Xan Duro agradeceu a oportunidade de colaborar nestas actividades, e facelo ademais "desde os centros socioculturais, que son espazos de transmisión e de socialización entre a veciñanza, e polo tanto lugares que contribúen a conservar o noso patrimonio inmaterial e a nosa identidade"

No marco do programa, o próximo luns, 28 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, renderase homenaxe a dúas persoas portadoras do patrimonio cultural inmaterial de Santiago que participaron nas actividades de PNO!. Os homenaxeados serán Manuel Miramontes, coñecido como "Bartolo" e recoñecido gaiteiro, e Luz Fandiño, referente da tradición oral e da poesía popular galega. Ambos recibirán un recoñecemento pola súa contribución á cultura local e pola transmisión de saberes e prácticas que enriquecen a identidade da comunidade compostelá.

A programación continúa o venres, 8 de novembro, ás 19:00 horas na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, onde terá lugar a proxección do documental Florencio: o cego dos Vilares, dirixido por Pancho Álvarez. Esta obra audiovisual ofrece unha visión íntima e evocadora da figura de Florencio, un dos últimos cegos cantores de Galicia. O evento incluirá un coloquio co director, que compartirá detalles do proceso de creación do documental e reflexionará sobre a importancia de preservar e difundir estas figuras da tradición popular galega.

Actividades na sede do CCG
Na sede do Consello da Cultura Galega terán lugar dúas xornadas especiais que convidan a explorar, recoñecer e valorar o patrimonio cultural galego e a súa relación coa cultura portuguesa.
A primeira das actividades será o martes, 5 de novembro, ás 17:00 horas, cunha homenaxe a Florencio de Arboiro, figura representativa da tradición afiadora galega. Esta sesión incluirá a proxección do documental "A última viaxe do afiador", de Aitor Rei, e contará cun coloquio posterior co propio director, quen compartirá detalles do proceso creativo e a relevancia de conservar esta tradición.

O xoves, 7 de novembro, celebrarase un coloquio dedicado ao Patrimonio Cultural Inmaterial galego-portugués e á súa proxección a nivel global. Neste encontro participarán destacados expertos como Guadalupe Jiménez-Esquinas, Cristina Sánchez Carretero, X.M. González Reboredo e Álvaro Campelo, quen abordarán a importancia e os retos de preservar as tradicións compartidas entre Galicia e Portugal e a súa repercusión internacional.

Estas actividades súmanse á exposición sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial inaugurada pasado 17 de outubro, primeiro Día Internacional de Patrimonio inmaterial, no claustro de Fonseca.

Compartir: