URBANISMO

O concelleiro Iago Lestegás expresa a preocupación pola repercusión no planeamento urbanístico das modificacións lexislativas autonómicas

22/10/2024 O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, expresou este martes a súa preocupación pola repercusión na aplicación do planeamento urbanístico que se poida derivar coas modificacións que se propoñen para a normativa autonómica no que ten a ver coa construción de vivendas sometidas a algún tipo de protección ou nos cambios para converter locais comerciais en vivendas de uso residencial.

Concretamente, algúns dos aspectos polos que expresou a súa inquedanza é a posibilidade de declarar proxectos de interese autonómico para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún tipo de protección pública. Neste sentido, defendeu que as administracións públicas teñen que apostar polo aproveitamento do patrimonio residencial, mentres que a Xunta aposta por obra nova en calquera lugar e á marxe do que determina o planeamento.

Lestegás tamén puxo o foco en que as obras de construción de vivenda protexida pública e de aloxamentos compartidos para a mocidade promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e do Solo (IGVS) non estean suxeitos a licenza municipal e que o certificado de fin de obras e a resolución de conformidade do IGVS producirá os mesmos efectos que a comunicación previa de primeira ocupación. "É un cambio substancial", criticou.

Tamén puxo en cuestión que o tempo para informar sobre un proxecto sexa dun mes cando a Xunta ten tres meses para os informes sectoriais sobre actuacións na maior parte dos casos moito menores. "Non se pode pretender que as administracións municipais analicen nun mes actuacións de envergadura e probablemente de gran complexidade", advertiu o concelleiro de Urbanismo e Vivenda.

Lestegás tamén incidiu en que a duración permanente para a vivenda de proteción pública e autonómica só será así en caso de ser desenvolvido por un promotor público e, senón, tendrá un máximo de 30 anos ou de 15 (se é para alugueiro). O concelleiro defendeu que esta proteción debería ser permanente en todos os casos.

"O certo é que varre, pasa por riba do planeamento urbanístico e nos parece preocupante que a Xunta cada vez crea máis insturmentos con este obxectivo de pasar por riba, de varrer e anular a efectividade do planeamento urbanístico", enfatizou na rolda de prensa.

Baixos comerciais

Nunha reflexión xeral, Iago Lestegás defendeu que os barrios deben ter usos diversos e o pequeno comercio ocupa un lugar moi destacado. "Garantir o abastecemento da veciñanza sen necesidade de grandes despazamentos, contribúe á vitalidade e seguridade nas rúas e prazas, proporciona espazos de socialización e favorece o dinamismo da economía local", explicou.

O concelleiro de Urbanismo defendeu, neste sentido, evitar a aparición de máis hipermercados, centros comerciais e outras grandes superficies nas periferias urbanas que absorben demanda do comercio de proximidade, que incrementan a dependencia do coche e que contribúen á desaparición de negocios pequenos.

Deste xeito, avogou por "garantir que as vivendas se utilicen como vivendas" e defendeu que se concentren os usos terciarios nas plantas inferiores. "Non sería mellor promover que as actividades económicas que se desenvolven nos andares superiores de moitos edificios descendan ás plantas baixas, onde terán máis contacto coa rúa e por tando máis visibilidade?", preguntouse Lestegás.

Así as cousas, advertiu de que o modelo de usos que a Xunta está a promover "caracterízase pola desorde: vivendas utilizadas como hoteis, locais comerciais como vivendas e polígonos industriais como zonas comercias".

Ordenzana de vivendas de uso turístico

Doutra banda, o concelleiro de Urbanismo informou de que este xoves celebrarase a Comisión de Urbanismo antes do pleno da próxima semana e un dos puntos que se abordarán é a aprobación definitiva da ordenanza que regula a comunicación previa dos usos de hospedaxe asimilados á vivenda.

Presentáronse case 200 alegacións, "a maior parte idénticas" e a maior parte emitidas por particulares. No que ten que ver con entidades, houbo alegacións de Turismo de Galicia, Unión de Consumidores de Galicia, Asociación Galega de Inmobiliarias e Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia.

Ao respecto, indicou que procede someter a aprobación definitiva o mesmo texto sen modificacións e o único que faremos e engadir unha liña 3, no apartado 2 do artigo 4.1 que non altera as determinación da ordenanza inicialmente aprobada senón que "engade claridade con respecto ao alugueiro turístico por cuartos dentro da propia vivenda". Esta cuestión está regulada na ordenanza, pero actualmente non o permite a normativa sectorial 12/2017, como así xa figuraba no modelo de comunicación que deseñou o Concello, mais estimouse facer unha nova aclaración neste sentido.

Compartir: