CAPITAL CULTURAL

Contemporáneas, unha xanela á innovación sonora e artística, agora aberta ao longo do ano

22/10/2024 Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un novo programa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña que reformula as anteriores Xornadas de Música Contemporánea para estendelas no tempo e manter unha xanela aberta ao longo do ano a novas sonoridades. A primeira edición de Contemporáneas ofrecerá de outubro a maio oito concertos, un cada mes, que incluirán cinco estreas absolutas e tres composicións especificamente creadas para a ocasión.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta mañá o programa nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo artista e investigador sonoro Xoán-Xil López, un dos protagonistas do concerto que este xoves abrirá as Contemporáneas. A concelleira destacou que a consolidación da iniciativa como "temporada estable permitirá dar á cidadanía máis oportunidades de gozar de propostas sonoras de vangarda". Ao tempo, Louzao salientou a intención do programa de "crear un lugar para a reflexión a través da música e da escena" tratando temáticas como a tecnoloxía, a intelixencia artificial, o universo, a representación social da realidade ou a soidade, alén de "servir de escaparate aos proxectos máis relevantes que desenvolven grupos, artistas, creadoras e creadores que traballan en Galicia, sen desatender propostas que chegan desde fóra".

O selo galego estará marcadamente presente no concerto que abre a temporada este xoves, día 24 de outubro, na Casa das Máquinas. O Arxis Ensemble converterá a antiga fábrica da luz de Compostela en escenario de excepción para o espectáculo ‘La fabbrica illuminata’, no que a composición homónima que Luigi Nono ideou en 1964 dialogará cona peza Sereas / Oda ludita, unha creación do artista sonoro e investigador Xoán-Xil López a partir dos versos de Alba Cid sobre o levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857. A simbólica protesta daquelas operarias que guindaron ao mar as máquinas que se ían introducir para realizar o seu traballo serve ao creador de detonante para unha reflexión sobre a tensión afectiva que xera a incorporación de novas tecnoloxías e as distintas lecturas que esa tensión recibiu ao longo da historia."Interesábame desmontar a idea do ludismo como unha especia de enfrontamento a tecnoloxía de forma obtusa, dende a consideración da tecnoloxía como algo malo per se, cando en realidade case en case todos os movementos luditas o enfrontamento se dirixe á maneira na que a tecnoloxía se usa para aglutinar máis aínda a produción de riqueza", indicou o compositor.

Escrita para soprano, voz falada, acordeón, violonchelo, percusión e electrónica, e baseada nos textos escritos por Alba Cid para a ocasión, a composición dialoga cun dispositivo formado por seis sirenas mecánicas, voces artificiais que lembran as sonoridades da sirena da propia fábrica -un fito da paisaxe sonora da cidade da Coruña-, e que serven á vez de figura simbólica das sereas-operarias que marcaron camiño coas súas reivindicacións.

Sereras / Oda ludita foi realizada co apoio das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), no marco dunha colaboración entre a Cidade da Cultura de Galicia e o Festival RESIS da Coruña, no que tivo a súa estrea o pasado mes de maio. O programa do concerto complétase coa estrea absoluta de Color y Talea, do compositor mexicano Leonel Andino. Con dirección artística de Hugo Gómez-Chao e Noè Rodrigo, o concerto contará coa voz da soprano Adriana Aranda, a narración de Eva Vieties, o acordeón de Nicola Tanaskovic, a percusión de Noè Rodrigo, o violonchelo de Millán Abeledo e a electrónica e sirenas de Xoán Xil-López.

Para afondar na relación entre as distintas composicións, a sesión deste xoves arrancará cunha conversa ás 20.00 horas que dará paso ao concerto ás 20.30 horas. O acceso é libre e de balde até completar capacidade.

A programación continúa en novembro, o mércores 27 ás 20.30 horas, no Teatro Principal con Pálido Punto Azul, una ópera contemporánea de Javier Otero Neira que toma como punto de partida a famosa fotografía capturada pola sonda Voyager 1 en 1990 a unha distancia de 6 mil millóns de quilómetros da Terra. Con libreto e dirección escénica de Iria Azevedo, e dirección musical, piano, electrónica e programación de Otero Neira, a peza conta coas interpretacións de Adriana Laespada e Nerea Brey e co movemento escénico de Rut Balbís. Pálido Punto Azul é unha coprodución de Javier Otero e Culturactiva co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello da Estrada, coa colaboración de Inversia Seguros e WeCom. Foi creada en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, o NONONON lab, e o CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.

A partir do mes de decembro, as Contemporáneas transládanse á renovada Sala Mozart do Auditorio de Galicia, que acollerá outras seis actuacións.. O mércores 11, Vertixe Sonora interpretará por primeira vez How can I help you, una obra controlada mediante software de Intelixencia Artificial e creada por José del Avellanal e Bernat Pont. Na estrea absoluta desta composición participan Pablo Coello ao saxofón, Iago Ríos ao trombón, Rubén Barros á guitarra eléctrica, Roberto Alonso ao violín, Carlos Méndez ao contrabaixo, David Durán aos teclados e Diego Ventoso á percusión.

Iván Abal e David Bellas abrirán a programación do mes de xaneiro, o mércores 22, cunha anovadora proposta con gaita e zanfona, que nos aproximará á música contemporánea a través de adaptacións de Fulvio Caldini ou Philip Glass, en diálogo con pezas propias que se completan cunha obra de Teresa Bretal, By the way... creada especificamente para esta formación. Será o día 22 de xaneiro ás 20.30 horas con acceso libre até completar cabida.

O martes 4 de febreiro, o mesmo escenario do Auditorio de Galicia acollerá A solas con Marilyn, un proxecto escénico de Teatro Xtremo, con texto de Alfonso Zurro e música e dirección de David del Puerto que afonda nas posibilidades da voz para amosar fondos sentimentos. Con dirección de escena de Ricardo Campelo Parabavides e as interpretacións da soprano Ruth González, da mezzosoprano Blanca Valido, a viola de Ana María Alonso e a guitarra eléctrica de David del Puerto, esta ópera de cámara foi resultado dunha residencia de creación no Teatro Auditorio San Lorenzo del Escorial e tivo a súa estrea no I Festival de Ópera de Cámara de Madrid.

O compostelán Fernando Buide e o seu ensemble Música Práctica ofrecerán o martes 18 de marzo ‘Pasos desde o Atlántico’, un percorrido polas ribeiras do océano, no que as obras do propio Buide conversarán con outras de Eduardo Soutullo, Martin Bresnik, Christopher Cerrone, Mercedes Zavala ou Carme Rodríguez.

O martes 29 de abril será a quenda de Suit(e, un proxecto no que Millán Abeledo, Nuria Sotelo e o compositor compostelán Manuel López Jorge farán convivir música e danza. A través da relación escénica entre o son do violonchelo e o movemento dunha bailarina establécese un diálogo que parte da recoñecida Suite de Johann Sebastian Bach, pasa por composicións de György Ligeti, Gaspar Cassadó, Benjamin Britten, Henri Dutilleux ou György Kurtág até chegar á peza que Manuel López Jorge está compoñendo para a ocasión.

Contemporáneas pechará o martes 20 de maio coa visita de Taller Sonoro, unha formación que titula o seu concerto Contos para arrolar un enxame e que constitúe una carta branca para a compositora Nuria Núñez . Incluirá unha peza que ela crea para esta ocasión xunto con obras de Elena Mendoza, Lula Romero e Clara Iannotta, compositoras estreitamente relacionadas coa traxectoria vital e estética da autora. Ecoarán daquela a frauta de Jesús Sánchez Valladares, o clarinete de Camilio Irizo, a percusión de Baldomero Lloréns, o piano de Ignacio Torner, o violín de Alejandro Tuñón e o violonchelo de Carmen Coronado.

Todos os concertos serán de balde e de acceso libre até completar a capacidade dos espazos. Recoméndase consultar a web de Compostela Cultura para acceder ao detalle de cada programa e ás novidades e cambios que puidesen producirse nos próximos meses.

Direccións relacionadas



Compartir: