TURISMO

A acción de información a pé de rúa da campaña ‘Fráxil’ permitiu chegar a máis de 3600 turistas e visitantes

21/10/2024 A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta hoxe dos principais resultados do servizo de información e benvida a pé de rúa para persoas visitantes, que forma parte da 2ª fase da campaña Fráxil. A acción permitiu extraer datos "moi relevantes" como que o 70% das persoas enquisadas afirmaron que pasarían dúas ou máis noites na cidade, que só o 9% optou por apartamentos turísticos ou que a media das máis de 1000 medicións de son realizadas apuntan a un volume de ruído de 67 decibelios, "o propio dunha conversación".

A acción de información a pé de rúa desenvolveuse durante 45 días, dende o 23 de agosto ata o 6 de outubro, datas escollidas por seren "agosto e setembro os meses do ano con maior número de Compostelas entregadas. Algo que volveu a suceder tamén nesta ocasión, con 79.015 Compostelas en agosto e 75.443 en setembro, fronte ás 64.730 de xullo", indicou Louzao.

Durante este mes e medio de campaña cinco parellas informaron a pé de rúa as persoas que veñen facendo o Camiño de Santiago, turistas e visitantes, sobre o "dereito que teñen de gozar do noso Patrimonio e a obriga que teñen de coidalo e respetar a vida cotiá da veciñanza. E tamén informaron sobre alternativas para visitar outros puntos de Compostela máis alá do Casco Histórico".

Ademais de infomar, a campaña consistía na recollida de información sobre dous aspectos complementarios: por unha banda facíase unha pequena enquisa; e por outra facíanse medicións cun sonómetro para coñecer e informar sobre os volumes de son.

Datos das enquisas

Respecto das enquisas, a concelleira salientou os seguintes datos:

1. Cubríronse 3.636 enquisas, das cales o 63% foron cubertas por persoas que visitaban a cidade dende o resto do Estado e o outro 37% por visitantes internacionais.

2. O 62% das persoas enquisadas viñan a Compostela facendo o Camiño, o 33% por turismo e o 5% restante para visitar a familia ou amizades. Esta distribución débese en boa medida a que as parellas que informaban a pé de rúa situábanse en puntos de entrada do Camiño na cidade.

3. Por tipoloxía de aloxamento, o 47% apuntou albergue, hostal ou pensión, reflectindo en boa medida a porcentaxe de persoas que viñan facendo o Camiño. O hotel foi a segunda tipoloxía apuntada, cun 28%. Os apartamentos ou pisos turísticos apuntounos o 9%.

4. Respecto do tempo de estadía "temos un dos datos máis interesantes da enquisa", salientou a concelleira, xa que o 70% das persoas enquisadas afirmaron que pasarían dúas ou máis noites na cidade. O 28% decía que só unha noite. E só o 2% dixo que estaría unhas horas.

Medicións dos sonómetros

Respecto das medicións dos sonómetros, os principais datos que se poden apuntar son:

1. Fixéronse 1.093 medicións, cunha media de 25 ao día.

2. A media de decibelios de todas as medicións que se fixeron foi de 67. Trátase dun dato "moi relevante" polo seguinte: o arco que vai de 40 a 80 decibelios defínese como "ruído confortable". En concreto, o arco que vai de 60 a 80 decibelios pode definirse como o propio dunha "conversación". Por iso, sinalou Louzao, "tendo en conta que a media das máis de mil medicións que se fixeron foi de 67 decibelios, pode decirse que o ruido xerado polas persoas e grupos medidos foi, en xeral, aceptable, o propio de persoas conversando".

3. Houbo medicións que superaron os 100 decibelios, que é por exemplo o que pode facer unha moto. Este volume califícase como "ruido perigoso". Foron 23 deste tipo, o que representa o 2% do total de medicións que se levaron a cabo.

4. A medición máis alta alcanzou os 115 decibelios, que é o ruido que fai unha ambulancia. Tivo lugar o 26 de agosto na Praza do Obradoiro ás 12.50 horas.

A partires destes datos, a concelleira de Turismo destacou que "conseguimos chegar de modo directo a un número significativo de persoas que nos visitan para informar sobre a campaña Fráxil e sobre diferentes alternativas na súa visita a Compostela". Así mesmo, "obtivemos, mediante as enquisas, certa información que axuda a definir posteriores accións. Por exemplo, constatamos que unha gran maioría das persoas enquisadas pasarían dúas ou máis noites na cidade e que apenas o 9% se aloxaría en apartamentos ou pisos turísticos".

Míriam Louzao salientou tamén as "máis de 1.000 medicións de son, que apuntan a que o volume medio do ruido xerado polas persoas que nos visitan é o propio dunha conversación". "Houbo casos puntuais", sinalou, "nos que efectivamente se superaron os niveis de ruido aceptable. Foron arredor do 2% de todas as medicións que se levaron a cabo. Esto constata que efectivamente a maioría das persoas que nos visitan se comportan responsablemente, e que a porcentaxe de comportamentos inadecuados é reducida en relación ao volume global. Nesa porcentaxe do 2% é na que seguiremos traballando para reducila ao 0%, que é o obxectivo".

En conxunto, a modo de valoración global, "podemos decir que as accións de información e concienciación que estamos levando a cabo son pasos adiante no camiño de sensibilización sobre a necesidade de procurar unha convivencia harmónica entre visitantes e veciñanza" e reivindicou o papel de Santiago como "un destino que está traballando por un modelo centrado no turismo consciente e responsable, que á súa vez ten un efecto positivo no tipo de visitante que queremos atraer. Isto é: que Santiago de Compostela se perciba como un destino que procura a sustentabilidade e a responsabilidade turística é un activo que xoga a favor dun visitante preocupado pola sustentabilidade e pola responsabilidade turística".

Campaña Fráxil

A primeira fase desta campaña, que se levou a cabo en xullo e agosto, consistiu no reparto de diferentes materiais en máis de 100 albergues, comercios e locais de hostalaría, non só no propio Concello, senón tamén en albergues dos últimos tramos dos diferentes Camiños.

A segunda, que comezou en agosto, consiste en dúas grandes accións complementarias que se dirixen directamente ás persoas que visitan a cidade. Unha das accións é a información a pé de rúa e a outra unha campaña de comunicación en redes sociais.

Compartir: