XUNTA DE GOBERNO

Santiago avanza na implantación da Zona de Baixas Emisións

21/10/2024 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto para a implantación da Zona de Baixas Emisións de Santiago, que quedará establecida na améndoa histórica. O Concello atende así ás directrices marcadas na Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética de 2021, que fixa como obxectivos destas ZBE a mellora da calidade do aire, a contribución a mitigar o cambio climático, a aposta por modos de transporte máis sostibles, e o impulso da eficiencia enerxética. A aprobación da Zona de Baixas Emisións súmase a outras medidas que o Concello vén implementando na súa aposta por unha mobilidade máis sostible e, en definitiva, por unha mellora na calidade de vida da veciñanza.

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, deu conta da aprobación do proxecto que, tal e como explicou, "dálle continuidade ao traballo iniciado no pasado mandato, cun primeiro documento presentado a finais de 2022". Ese proxecto tivo que ser actualizado para a súa adaptación ao Real Decreto 1052/2022 do 27 de decembro polo que se regulan as Zonas de Baixas Emisións, "e o resultado desa revisión é o Plan que aprobamos hoxe, que tamén ten en conta o Plan de Mobilidade Urbana Sostible xa presentado, e outras medidas como a entrada en funcionamento dos bolardos intelixentes que regulan o acceso á zona histórica, instalados ao abeiro do proxecto Smartiago".

Medidas para controlar a calidade do aire

Xan Duro explicou que o proxecto aprobado hoxe recolle as medidas necesarias para a implantación da Zona de Baixas Emisións da améndoa histórica con dous obxectivos fundamentais: controlar a calidade do aire, e restrinxir o acceso de vehículos á ZBE.

No que ten que ver coa vixilancia da calidade do aire, o concelleiro de Mobilidade sinalou que o documento aprobado hoxe "insta á instalación de tres novos sensores para medir a calidade do aire e garantir as medidas correctivas necesarias en tempo real". No documento recoméndase a colocación deses sensores aproveitando os elementos xa instalados no marco do programa Smartiago, e apúntanse tres posibles localizacións: un no acceso á ZBE polo norte, na entrada da rúa de Costa Vella; outro no interior da Zona de Baixas Emisións, que podería estar á altura de San Francisco ou da Facultade de Medicina; e un terceiro no acceso sur á ZBE, en Porta Faxeira.

En canto ás restricións do acceso á Zona de Baixas Emisións, Xan Duro explicou que o documento recolle "as medidas xa incorporadas na Ordenanza de Circulación que vén de ser aprobada de maneira definitiva no Pleno, e que xa foi revisada tendo en conta en todo momento a implantación da ZBE na améndoa".

Nese sentido, no proxecto especifícanse tanto o tipo de autorizacións para acceder á zona histórica, así como que a entrada e saída de vehículos deberá realizarse polos puntos de acceso que contan con bolardos electrónicos e cámaras lectoras de matrículas. Tamén se apunta á necesidade de contar cun sistema de monitorización e seguimento, "do que xa dispoñemos no Concello e que ten moitas potencialidades que seguiremos explorando", no que se integran os diferentes elementos de control como cámaras ou bolardos, e que permite visualizar os datos en tempo real para anticiparse a calquera problemática e establecer as medidas oportunas.

Ademais, o proxecto aprobado na Xunta de Goberno establece a necesidade de sinalizar de forma clara e recoñecible a Zona de Baixas Emisións, seguindo os deseños fixados pola Dirección Xeral de Tráfico para facilitar a interpretación de toda a cidadanía en todo o ámbito estatal. Por último, apúntase á aprobación dunha Ordenanza Municipal reguladora da Zona de Baixas Emisións, na que se terán en conta medidas que resulten incentivadoras, limitadoras e restritivas, así como unha proposta sancionadora se así se considera.

A Lei de Cambio Climático de 2021 obrigaba as cidades de máis de 50.000 habitantes a establecer Zonas de Baixas Emisións antes de 2023, pero nun Real Decreto aprobado en decembro de 2022 ese prazo prorrogouse 18 meses. Segundo datos do mapa oficial das ZBE do Ministerio para a Transición Ecolóxica, só 18 cidades e municipios de todo o Estado teñen vixente a súa Zona de Baixas Emisións, e outras 111 teñan iniciada a súa tramitación, entre elas Santiago.

Reinicio de licitación

O concelleiro de Mobilidade tamén explicou que a Xunta de Goberno aprobou o reinicio da licitación do Servizo de mantemento e conservación dos sistemas de control, regulación e xestión do tráfico e do túnel do Hórreo. Xan Duro lembrou que o procedemento iniciado en xullo foi paralizado polo TacGal, que estimou algúns dos recursos presentados aos pregos, relativos aos criterios de selección do persoal, que agora se corrixen. En concreto, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia instou a modificar o punto no que se sinalaba que o persoal debía vivir a 20 minutos do Centro de Control que, explicou o concelleiro, "estaba recollido da mesma maneira nos pregos da anterior licitación de 2020, sen que iso motivara ningún recurso nin posicionamiento do TacGal". Tamén se modifica o requirimento de cinco anos de experiencia para todas as categorías profesionais, que queda limitada ao persoal directivo.

Polo demais, os pregos non sufren modificacións con respecto ao procedemento iniciado en xullo, de maneira que se mantén un orzamento de 4,2 millóns de euros para os próximos tres anos, practicamente o dobre do orzamento do contrato en vigor. Este incremento responde fundamentalmente ás melloras introducidas no contrato e ao aumento e mellora do software, coa introdución dos elementos instalados no marco do proxecto Smartiago (bolardos intelixentes de acceso á zona histórica, cámaras lectoras de matrículas e paneis informativos) e coa modernización do software de xestión de semáforos e fotorroxos. Tamén se incrementa o persoal, e prevese que a empresa adxudicataria poida contratar persoal específico para a reparación do software, para axilizar a resposta no caso de avarías.

Compartir: