URBANISMO

O concelleiro Iago Lestegás difunde o modelo urbano de Santiago en Florencia

20/10/2024 O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, participou no curso de Urbanismo do 5º ano da Escola de Arquitectura da Universidade de Florencia cunha conferencia sobre o modelo de cidade que impulsa a capital galega, na que destacou que "as administracións públicas deben priorizar o aproveitamento do parque residencial existente". Neste sentido, Lestegás deu conta de varias iniciativas que o goberno local desenvolve con este obxectivo.

Concretamente, o concelleiro de Urbanismo deu conta do impulso do goberno para a creación dunha empresa municipal de vivenda orientada á rehabilitación de edificios no centro histórico, un ámbito do concello con especial protección e no que tamén se está a estudar, tras a suspensión cautelar dos procedementos de licenza e comunicación previa para determinados actos, a reforma da normativa de usos do Plan especial de protección no ámbito da cidade histórica (PE-1) para protexer o comercio de proximidade.

Para alén desta medida, o concelleiro de Urbanismo explicou que o seu departamento utiliza todos os instrumentos que a lei pon a disposición das administracións locais para que os propietarios cumpran o seu deber legal de conservación e rehabilitación. Tamén destacou, na súa intervención, a limitación do uso turístico no parque residencial, co fin de "garantir que as vivendas se utilicen como vivendas".

Cidade verde

Iago Lestegás tamén destacou a importancia da integración da vexetación no espazo público, un elemento que calificou de "fundamental para mellorar a saúde dos seus usuarios e para preparar as cidades para os impactos do cambio climático".

"O verde urbano é clave para que as cidades sexan resilientes", enfatizou Lestegás, quen tamén informou de que o goberno local está a piques de convocar, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, un concurso "para repensar unha área de case 43.000 metros cadrados no centro da cidade que constitúe un gran espazo de oportunidade para mellorar a calidade urbana e o benestar das persoas en Santiago de Compostela", en referencia ao conector central.

Cidade equitativa

O concelleiro de Vivenda tamén puxo o acento en que unha cidade só é xusta "se todas as persoas poden acceder a unha vivenda digna e adecuada sen teren que dedicar case todos os seus ingresos a pagala".
"En Santiago de Compostela, como en moitas outras cidades con grande atractivo turístico, a expansión do mercado de aloxamento turístico contribúe ao incremento dos prezos e contrae a oferta residencial. E isto obviamente ten un grande impacto no benestar da poboación", esgrimiu.
Por iso, afirmou que "un desafío importante é a progresiva perda da función residencial do centro histórico, que se manifesta non só no cambio de usos das vivendas, senón tamén na transformación do comercio".

Máis axenda do concelleiro

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica tamén visitou a vila toscana de San Gimignano, onde coñeceu o Plan de xestión do sitio Unesco da man do seu alcalde, Andrea Marrucci, e da asesora de Urbanismo, Valeria Lingua.
Posteriormente, participou no Congreso internacional ‘Reinventing the (in)visible cities’, organizado pola International Society of City and Regional Planners (Isocarp) en Siena, cunha intervención na que describiu os impactos do "sobreturismo" na vida cotiá das cidades patrimonio da humanidade e identificou os instrumentos urbanísticos utilizados en Santiago de Compostela para abordalos.


Compartir: