COMERCIO

Aprobadas as bases e a convocatoria para participar no Mercado de Nadal 2024-2025

18/10/2024 O Concello aprobou unha nova convocatoria para o Mercado de Nadal, que se instalará en Carreira do Conde e Área Central. O prazo para solicitar a participación estará aberto ata o próximo día 28 de outubro.

Ao igual que o ano pasado, o Mercado de Nadal vaise celebrar en dúas localizacións: en Carreira do Conde desde o 29 de novembro ata o 5 de xaneiro, e en Área Central desde o 20 de decembro ata o 5 de xaneiro. Os días 24 e 31 de decembro funcionará só en horario de mañá, e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro estará pechado.

En Carreira do Conde, o mercado organizarase en 5 quendas: do 29 de novembro ao 5 de decembro; do 6 ao 12 de decembro; do 13 ao 19 de decembro; do 20 ao 27 de decembro; e do 28 de decembro ao 5 de xaneiro. En cada unha delas, haberá un total de 15 casetas, aos que se engadirán un máximo de 5 postos exteriores de alimentación en función das dimensións e posibilidades de montaxe.
En canto a Área Central, serán dúas quendas; do 20 ao 27 de decembro; e do 28 de decembro ao 5 de xaneiro. Neste caso, proporcionaránse os elementos de exposición para un máximo de 15 postos.

No Mercado de Nadal poderán participar persoas comerciantes, artesás e produtoras. No proceso de selección daráselle prioridade aos produtos de carácter artesanal, e valoraráse a calidade, orixinalidade e a produción a pequena escala, de non seren produtos artesanais.

O prazo de inscrición rematará ás 14:00 do 28 de outubro. O formulario de solicitude está dispoñible desde hoxe na web comerciolocal.gal.

Compartir: