CAPITAL CULTURAL

O Auditorio de Galicia acolle a estrea estatal de ‘As Bruxas de Salem’, do Teatro Nacional São João

17/10/2024 O Teatro Nacional São João desembarca esta fin de semana no Auditorio de Galicia co espectáculo As bruxas de Salem, unha nova adaptación da obra coa que o dramaturgo neoiorquino Arthur Miller retratou en 1953 a histeria colectiva da sociedade norteamericana tomando como inspiración os xuízos por bruxaría.

A compañía portuense, unha das principais institucións teatrais de Portugal, presentará a peza este sábado, 19 de outubro, ás 19 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio, nun pase que constituirá a súa estrea en España. Así o avanzou o director-xerente do Auditorio, Xaquín López, nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións de Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, e de Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João.

A dicir de Cardoso, a obra é "unha fuga cara á fronte", un exemplo de como "a necesaria confrontación coas consecuencias dos nosos actos é sempre substituída por unha desculpa calquera, unha narrativa que nos conforte e favoreza o escapismo". Miller, que sufriu en carne propia a caza de bruxas do senador McCarthy, ideou The Crucible – o título orixinal da peza– como un paralelo á escuridade e o medo que relaba o corazón de América, consumido pola febre anticomunista. Dende o seu epicentro –unha fascinación primaria pola paranoia, que sacrifica individuos na súa furia colectiva– hoxe resoan múltiples ecos. Con ela Nuno Cardoso continúa a súa investigación sobre os fundamentos da vida comunitaria, noutro ensaio sobre a cegueira do home social.

Esta produción do Teatro Nacional São João conta un elenco confomado por Ana Brandão, Carolina Amaral, Joana Carvalho, Jorge Mota, Lisa Reis, Mário Santos, Nuno Nunes, Paulo Freixinho, Patrícia Queirós, Pedro Frias, eSérgio Sá Cunha. O deseño de luz é de Nuno Meira, a música e deseño de son de Jõao Oliveira, o vídeo de Luís Porto e o deseño de movemento de Roldy Harrys, mentres que Pedro Nunes se ocupa da axudantía de dirección.

As Bruxas de Salem chega a Compostela por iniciativa do Auditorio de Galicia e do CDG co ao abeiro do programa ‘Temporada Cruzada. Portugal - España. 50 anos de Cultura e Democracia’, que reforza os vínculos entre os dous países mediante o intercambio de proxectos culturais e creativos e a colaboración de diferentes entidades e institucións. Así, alén dos Ministerios de Cultura e Exteriores de Portugal e España, a respresentación da obra en Santiago é posible grazas ao apoio do Gabinete de Estratégia, Planeamento e Avaliação Culturais do país luso, de Acción Cultural Española, a Axencia Española para de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), o Instituto Camões, o Instituto Cervantes, da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago.

O espectáculo, en lingua portuguesa, ten unha duración aproximada de 155 minutos (máis intervalo) e o prezo das entradas é de 14 euros (con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas). Poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende as 18 horas).

Compartir: