CAPITAL CULTURAL

Electrofauna convida a cidadanía a celebrar a natureza este venres 18 na Casa das Máquinas e o sábado 19 de outubro no parque Granxa do Xesto

16/10/2024 O festival "ELECTROFAUNA, a vibrante chamada do bosque como latexo creativo" terá lugar en Santiago de Compostela este venres 18 e sábado 19 de outubro con entrada libre e de balde e actividades para todo tipo de públicos. O proxecto foi un dos seleccionados na convocatoria municipal de axudas a actividades culturais do sector profesional para 2024, e materializará obradoiros, roteiros, xincanas, charlas e programación musical gratuíta coa natureza como fonte de inspiración.

O evento pon o foco na necesidade de coñecer, vivenciar e valorizar o noso hábitat natural máis achegado, aprendendo a sentirnos parte del e a celebralo e cohabitalo de forma respectuosa e harmónica, intervíndoo creativamente. Así, a innovadora proposta busca a integración da perspectiva e da igualdade de xénero, poñer en valor o patrimonio da cidade, divulgar o coñecemento sobre a nosa fauna e flora autóctonas, difundir a lingua galega, fomentar a creatividade e levar as accións culturais ao ámbito rural e aos barrios composteláns mediante a realización de actividades fóra do Ensanche e o casco histórico.

A programación transversal, gratuíta e aberta a todo tipo de públicos de ELECTROFAUNA contempla roteiros pola Compostela verde e actividades na Casa das Máquinas este venres 18 de outubro de 19h a 23:30h, e no parque Granxa do Xesto de 11h a 23:30h o sábado 19 de outubro.

O itinerario ata o parque pódese facer a pé ou en transporte público municipal a través da liña 4 - Casas Novas. Dende praza de Galicia (parada ferretería): autobuses dende as 08h do sábado 19 de outubro ata as 20:50. Dende Granxa do Xesto: último autobús 21:15h. Máis información: maisbus.com

Programa

VENRES 18 DE OUTUBRO
17h Roteiro polas parroquias rurais de Compostela (Villestro, Figueiras...) Punto de encontro: centro sociocultural de Villestro ás 17h. Finalización: Casa das Máquinas ás 19h. Preinscricións 15 minutos antes do comezo da actividade no punto de encontro ou asegurando praza AQUÍ.

19h Apertura de portas na Casa das Máquinas. Charla: fauna e flora da nosa contorna natural máis achegada con Ribeiran Proxectos Naturais

20h Presentación virtual do proxecto "Despierta" da man da artista peruana Lelé Guillén, que abordará a problemática no Amazonas e entrevistará á presidenta da rede conservacionista do Amazonas AMA

20:45 Mesa redonda coa participación de representantes de Greenpeace Galicia e da Plataforma por unha Ulloa Viva: retos e riscos da nosa contorna natural.

22h Concerto Terrae. Entrada libre ata completar capacidade

SÁBADO 19 DE OUTUBRO

09:30 Roteiro inclusivo polos barrios de Compostela (Ponte Mantible, Vista Alegre, Vite...). Punto de encontro: parque da Ponte Mantible (xunto á escultura) ás 09:30h. Finalización: Granxa do Xesto ás 11:30h. Preinscricións 15 minutos antes do comezo da actividade no punto de encontro ou asegurando praza AQUÍ.

Programación no parque Granxa do Xesto

11h Comezo das actividades no parque Granxa do Xesto: zona gastronómica con foodtruck, castañeiro e pulpeiro e mercado, electroexposición, programación musical, etc.

11:30h Obradoiro "Zapa Home" de impresión botánica téxtil a cargo de Casperlota Atelier. Preinscricións 15 minutos antes do comezo da actividade no espazo de obradoiros.

12:30h. Xincana no Parque! Actividade familiar. Preinscricións 15 minutos antes do comezo da actividade no espazo de obradoiros.

13h Concerto Mounqup con Sandra Pérez

14:00h Sesión Picadiscos: Señora DJ

16:30 Electrofoliada da man de Rapariga dj: Actividade aberta á participación espontánea con instrumentos

17h: Obradoiro de debuxo creativo da man da ilustradora Raquel Germade. Preinscricións 15 minutos antes do comezo da actividade no espazo de obradoiros.

19h BS Danza: Limen con Emilia Pardo, Iria Otero Romero e Dolores Mayán

19:30h Roteiro nocturno dende Casa das Máquinas ata Granxa do Xesto. Punto de encontro: Casa das Máquinas ás 19:30h. Finalización: Granxa do Xesto ás 21:30h. Preinscricións 15 minutos antes do comezo da actividade no punto de encontro ou asegurando praza AQUÍ.

20:30h Concerto O Rabelo con Nenaza

21:30h Sesión Picadiscos: More Amore DJs

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: