IGUALDADE E RURAL

O Concello reivindica o papel das mulleres do rural nun encontro en Laraño

15/10/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, membros da Corporación e veciñanza de Compostela participaron no encontro que tivo lugar no centro sociocultural de Laraño para celebrar o Día das Mulleres Rurais.

Hoxe, martes 15 de outubro, con motivo do Día das Mulleres Rurais, o Concello organizou un faladoiro para dar a coñecer de primeira man iniciativas de mulleres que viven e traballan no rural e compartir as súas experiencias nos ámbitos profesional, social e comunitario. O evento, organizado polas concellarías de Rural e de Igualdade, tivo lugar no Centro Sociocultural de Laraño.

No acto, a alcaldesa compostelá asegurou que "sentimos un gran orgullo do rural compostelán porque este Concello sen rural non tería sentido" e afirmou "que a débeda pendente que temos é dalo a coñecer, conseguir facer o camiño inverso, que non só vaia a xente do rural á cidade senón tamén que a da cidade veña coñecer o rural". Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor a tradición das mulleres do rural atesourando saberes, como os relacionados co corpo, coa natureza e cos oficios, e puxo como exemplo o das parteiras, as costureiras ou saberes relacionados coas plantas mediciñais. Tamén felicitou a todas as participantes nos faladoiros e no encontro e reivindicou "a forza e a potencia das mulleres no rural actual "

A concelleira de Rural tamén quixo reivindicar o papel das mulleres que día a día traballa no rural "construíndo o futuro desde este momento presente". Pilar Lueiro agradeceu ás participantes que amosaran "a súa propia realidade, para escoitarnos as unhas ás outras, para aprender e para compartir".

Faladoiro

A primeira parte do encontro consistiu en dúas conversas, guiadas pola xornalista Xiana Arias, que tiveron como protagonistas a mulleres que traballan e viven no rural tanto de Compostela como noutros lugares de Galicia. A segunda parte do acto ofreceu un espazo de socialización entre todas as persoas asistentes para manter conversas máis personalizadas.

Na primeira das conversas participou a artesá e zoqueira Elena Ferro e a enxeñeira agrícola e empresaria Celtia Traviesas. Elena Ferro deu a coñecer a súa experiencia no ámbito da artesanía, con especial incidencia en como a construción dun relato que combina tradición, creatividade e unha clara aposta por unha forma distinta de comunicar, está levando o seu traballo desde Merza, unha parroquia de Vila de Cruces, máis aló das fronteiras do noso país. Pola súa banda, Celtia Traviesas, como socia dunha consultora técnica e ambiental especializada na posta en valor do patrimonio natural e cultural, explicou o seu traballo de xestión das actividades do complexo histórico-recreativo das Minas Consuelo e Boulloso, no concello da Pontenova.

Na segunda das conversas participaron tres mulleres do rural de Compostela: Rosa Pose Castro, profesora da Escola Unitaria do Rial, en Laraño; María Torres Salvado, veciña da Sabugueira e membro moi activo da asociación de mulleres rurais desta parroquia; e Icíar Vidal Iglesias, unha moza que durante o curso escolar imparte clases extraescolares e na tempada estival organiza actividades que axudan á conciliación das familias tamén na parroquia da Sabugueira.

.

Compartir: