EDUCACIÓN

Un armadillo conciencia aos máis pequenos sobre a necesidade dunha correcta suxección no vehículo a través das cadeiras de seguridade

06/06/2007 A Escola Infantil Municipal de Conxo acolleu a presentación da campaña "Aprende a ir suxeito no coche con Pillo, o Armadillo". Esta iniciativa, que se enmarca no Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección "¿Onde está o perigo?, ten por obxectivo concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de ir correctamente suxeitos no vehículo por medio de cadeiras de seguridade.

A concelleira de Educación e Mocidade en funcións, Elvira Cienfuegos, presentou a campaña, acompañada de nenas e nenos de Educación Infantil. Foi un bo momento para darlles as primeiras nocións sobre os sistemas retención infantil, a mellor protección para os nenos cando viaxan no interior dun vehículo. Os rapaces recibiron un boneco con forma de armadillo e un caderno de actividades con consellos sobre seguridade. "Trátase de que os nenos asocien a protección ao feito de levar no cinto o boneco dun armadillo", apuntou.

O Departamento de Educación repartirá este material nos centros de ensino da cidade. Participa así nunha actividade promovida polo RACE, a Comisión Europea e o Centro de Investigación e Documentación Educativa (CIDE), do Ministerio de Educación e Ciencia, que se está a realizar en toda España. A presentación da campaña foi tamén unha boa ocasión para que os meniños disfrutaran subidos nos vehículos da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil.

A idea desta actividade nacera en Holanda e basease nun animal, o armadillo, para establecer un símil entre o concepto de protección que lle ofrece a cuncha ao animal e a protección que lle ofrece a cadeira ao neno, para que dunha maneira doada e divertida os máis pequenos comprendan o concepto de seguridade. Tamén se habilitou unha páxina web dirixida a nenos e adultos: www.pilloelarmadillo.com, na que se pode encontrar toda a información necesaria sobre a campaña e os sistemas de protección infantil para os vehículos.

Obrigatoriedade de uso

Nos asentos dianteiros e traseiros, os menores de doce anos cunha estatura inferior a 135 centímetros, deben utilizar sempre cadeiras de seguridade adaptadas. A sanción por non levar o sistema de retención pode acadar os 300 euros e a retirada de tres puntos do permiso de condución.

A cadeira debe estar firmemente suxeita ao asento do vehículo, de modo que se elimine calquera movemento. Por isto, é esencial consultar as advertencias e instrucións de instalación tanto do manual do propietario do vehículo como do sistema de retención infantil. Un sistema de retención infantil, nunca debe colocarse diante dun airbag frontal de pasaxeiro, a non ser que este sexa previamente desconectado.

Os expertos da RACE resaltan a importancia de prestar especial atención ao percorrido do cinto de seguridade ou do arnés sobre o corpo do neno: nunca debe ir por riba do pescozo, sempre se debe suxeitar o máis baixo posible sobre as cadeiras e as folguras deben eliminarse. Polo xeral as prazas máis seguras son as traseiras, e entre elas o asento central, por estar máis protexido pola carrozaría.

Compartir: