CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia inicia este xoves a súa nova temporada, ‘Inconformistas’ da man da solista Alena Baeva

01/10/2024 Neste primeiro concerto da temporada 2024-2025, Baldur Brönnimann levará a batuta e escoitarase unha das obras da compositora residente, Raquel García-Tomás. Cómpre indicar que, ademais das entradas individuais, o público pode mercar os novos bonos Flexible 10 e Flexible 5, que ofrecen a posibilidade de facerse con entradas para os concertos a un prezo máis reducido.

Este xoves ás 20:30h no Auditorio de Galicia celébrase o primeiro concerto da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que leva por título Inconformistas. Durante os próximos meses, a orquestra compostelá poñerá o foco en compositoras e compositores que ousaron desafiar as normas establecidas abrindo novos territorios sonoros. Na ocasión, os asistentes terán a oportunidade de gozar da Sinfonía Fantástica, op. 14 de Hector Berlioz, un grande experimentador da tímbrica, ao tempo que achegaranse tamén ao presente a través da figura da compositora residente da RFG, Raquel García-Tomás, grazas a súa obra Las constelaciones que más brillan.

O concerto desta semana, Estrelas Fantásticas, inclúe tamén no seu repertorio a composición de Karol Szymanovski, Concerto para violín e orquestra núm. 2, op. 61. O programa contará coa actuación da solista convidada, Alena Baeva, descrita como unha "presenza magnética" e unha "técnica de son constantemente fascinante" (New York Classical Review). De feito, a violinista está considerada unha das solistas máis fascinantes, versátiles e cativadoras en activo no escenario mundial actual.

As entradas poden mercarse na Zona C e na web compostelacultura.gal a un prezo de 18€. Ademais, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o director e a compositora residente falarán sobre as obras interpretadas e comentarán informacións referentes á temporada "Inconformistas" nunha nova edición do ciclo ‘Conversando con…’, unha iniciativa promovida pola RFG para achegar aínda máis o seu público ao universo da música clásica xunto aos protagonistas dos concertos.

Nesta ocasión, as persoas que acudan ao concerto poderán degustar un viño de cortesía ao rematar o espectáculo.

Abonos flexibles

Os dous novos abonos flexibles, Flexible 10 e Flexible 5, ofrecen ao público a posibilidade de facerse con entradas para os concertos da programación a un prezo máis reducido. Así, o bono Flexible 10, cun prezo de 125 euros, poderá ser trocado por 10 entradas para calquera dos concertos que a orquestra ofrece en Compostela ao abeiro do programa de abono, sempre que existan localidades dispoñibles.

Ao tempo, o bono Flexible 5, cun prezo de 62,50 euros, poderá ser cambiado por entradas para 5 concertos do programa de abono que conten, igualmente, con localidades dispoñibles.

A diferencia doutras modalidades de abono da RFG, estes bonos non son unipersoais, polo que permiten adquirir a un prezo menor varias entradas para un mesmo concerto.

Ambos están xa dispoñibles a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (rúa do Preguntoiro, 1), aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.

Compartir: