ALCALDÍA

Goretti Sanmartín solicita á Xunta que "poña o turbo" para facer realidade o imposto por estadía

20/09/2024 A alcaldesa destaca que a Xunta muda a súa posición e acepta impulsar a chamada ‘taxa turística’ "como reclama a cidadanía de Santiago de Compostela".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada da concelleira de Capital Cultural e Turismo, Míriam Louzao, participaron este venres nunha reunión co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o xerente, Antonio Casas. Tras o encontro, a xefa do goberno local mostrou a "nosa satisfacción" por que a Xunta "mudase de posición".

"Dende o Concello de Santiago puxemos enriba da mesa este tema dende o inicio, presentando un primeiro informe de agosto de 2023, e cunha proposta lexislativa, que podería estar xa en vigor neste momento", lembrou a rexedora municipal, quen instou á Administración autonómica que "poña o turbo" para facer unha realidade este imposto autonómico.

Tras o encontro na Axencia de Turismo de Galicia, Goretti Sanmartín explicou que Xosé Merelles comunicoulle que o Goberno galego "é favorable a implantar o imposto de estadías turísticas no Concello de Santiago de Compostela".

"Para nós é unha moi boa noticia, unha moi boa noticia para o conxunto da cidadanía de Santiago de Compostela", declarou a alcaldesa, quen reiterou que é "un clamor social" entre a veciñanza a necesidade de implantar unha ‘taxa turística’ para contribuír á sustentabilidade turística e aos sobrecustes da prestación dos servizos.

Goretti Sanmartín recordou que agora "a pelota está no tellado" da Administración autonómica. "Despois de todo o traballo e todos os deberes que leva feito o Concello de Santiago todo este tempo", aclarou a alcaldesa, e pediu "celeridade" na proposta lexislativa, en referencia ao compromiso que Merelles lle trasladou de que o imposto estará aprobado o 1 de xaneiro de 2025.

A alcaldesa de Santiago cualificou de "primeiro punto" de partida a intención da Xunta de crear este imposto autonómico tras as reclamacións e traballos feitos dende o Goberno compostelán, e ao mesmo tempo considerou que se trata dun "salto de xigante".

A preguntas dos xornalistas, a concelleira de Turismo confirmou que o Goberno local traballa, pola súa banda, nunha ordenanza, que neste caso pode desenvolver o propio Concello ao tratarse dunha taxa e non dun imposto autonómico. Esta ordenanza estuda a implantación dunha taxa para excursionistas.

Compartir: