MOBILIDADE

Os nenos e nenas de Santiago van "camiñando ao cole" no marco da Semana Europea da Mobilidade

20/09/2024 Nenos e nenas dos CEIPs Quiroga Palacios, Vite I, Raíña Fabiola, López Ferreiro, Ramón Cabanillas e Pío XII participaron hoxe no "Día de camiñar ao cole", unha actividade enmarcada nos actos da Semana Europea da Mobilidade. O obxectivo era mostrarlle ás familias "as vantaxes de ir camiñando á escola, para o alumnado pero tamén para o conxunto da cidade". O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a concelleira de Educación, Miriam Louzao, fixeron o percorrido acompañando aos nenos e nenas do Pío XII.

O departamento de Educación Viaria da Policía Local fixou puntos de encontro para cada un dos colexios participantes na iniciativa, na que tamén colaborou Protección Civil acompañando ao alumnado. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, lembrou que "ir camiñando ao colexio supón gañar saúde para os nenos e as nenas, pero tamén gaña o conxunto da cidade en termos ambientais e, polo tanto, tamén de saúde pública". Para o edil, "é importante que as crianzas perciban que é fácil e seguro ir andando, e que mesmo é máis agradable para elas porque lles permite compartir ese tempo". Pola súa banda, a concelleira de Educación salientou que "é importante empezar polos nenos e nenas a crear consciencia sobre a importancia dun modelo de mobilidade máis sostible". Miriam Louzao incidiu tamén en que "os desprazamentos a pé permiten desfrutar máis e coñecer mellor a propia cidade, e tamén favorecen a socialización dos nenos e nenas na súa chegada ao colexio".

A Semana Europea da Mobilidade celébrase este ano baixo o lema "Espazo público compartido", para concienciar sobre a necesidade de recuperar o espazo ocupado masivamente polos vehículos privados e sensibilizar á veciñanza dos beneficios que tén para o medio ambiente e para a saúde pública o uso dos modos brandos de transporte, fundamentalmente do transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé.

Compartir: