PROMOCIÓN ECONÓMICA

UNINOVA colabora coa Fundación Innovación Bankinter nunha nova edición do Programa de Innovación AKADEMIA para o alumnado da USC

19/09/2024 O programa Akademia persigue fomentar a visión innovadora e emprendedora nos estudantes universitarios. A edición 2024-2025 deste programa será novamente en liña e gratuíta, e desenvolverase en tres convocatorias distintas, rematando o período de inscrición máis inmediato o 24 de setembro.

Uninova, a incubadora de empresas do Concello de Santiago e da USC, está a colaborar, un ano máis, coa Fundación Innovación Bankinter no Programa AKADEMIA dirixido a alumnos/as da Universidade de Santiago de Compostela, un programa de innovación en liña e gratuíto.

Este Programa, creado no ano 2008 pola Fundación Innovación Bankinter para influír na educación dos mozos e dotalos de coñecementos que esperten actitudes e os motiven a asumir o reto que supón enfrontarse a un contorno en constante cambio, vense organizando para alumnos da USC desde o ano 2009.

Na edición 2024-2025, como na pasada, o curso vaise impartir en modo en liña con 3 convocatorias distintas, para intentar adaptarse mellor aos distintos horarios do alumnado, e permitirá aos participantes a oportunidade de integrarse en grupos formados por estudantes de todas as universidades participantes, que son a USC, a Universitat Politècnica de València, a Universidad Pontificia de Comillas, a Universidad Loyola, a Universidad de Murcia e o Instituto de Estudiso Bursátiles (IEB).

O programa desenvolverase dende outubro deste ano ata febreiro de 2025 e para participar é necesario formalizar previamente a inscrición. Ofértanse tres convocatorias con prazos e horarios diferentes:

Convocatoria 1: os luns de 16 h a 17h30, d 21 de outubro ao 20 de
febreiro de 2025. Data límite inscrición: 24 de setembro

Convocatoria 2: os mércores de 12h30 a 14h, do 23 de outubro ao 20 de
febreiro de 2025. Data límite inscrición: 1 de outubro

Convocatoria 3: os venres de 12h a 13h30, do 18 de outubro ao 20 de
febreiro de 2025. Data límite inscrición: 27 de setembro.

Para o rexistro, simplemente hai que entrar na páxina web do Programa, cubrir os datos, indicar o perfil en linkedin e expor a motivación para participar.

Para máis información podedes poñervos en contacto con UNINOVA en rosamaria.sanchez@usc.es ou no teléfono +34 881 815 596.

AKADEMIA

AKADEMIA é un programa innovador con expertos de referencia internacional que axuda aos estudantes a coller as rendas do seu futuro e a levar as súas carreiras ao seguinte nivel. Está enfocado a perfís non conformistas, que estean pensando xa en cal será o seu seguinte paso ao rematar o grao, que futuro queren construír, e capaces de iren contracorrente, en suma, estudantes que non se conformen, que sexan proactivos á hora de decidir que queren facer co seu futuro, que se atrevan a desafiar o camiño establecido e busquen o seu propio.

A metodoloxía do programa está organizada en torno a 8 sesións en directo de 1 hora e media de duración cada unha. Trátase dunha formación transversal, polo que poden participar estudantes de calquera perfil, e que empeza desde cero. O obxectivo final desta iniciativa é o de axudar aos estudantes a que os seus estudos non se estanquen e manteñan o ritmo dun mundo imparable, ao tempo que teñen a oportunidade de coñecer a outras persoas coas súas mesmas inquedanzas, permitindo agudizar o seu instinto para detectar as tendencias que deseñarán o futuro.

Compartir: