MOBILIDADE

Santiago súmase á celebración da Semana Europea da Mobilidade, baixo o lema "Espazo público compartido"

17/09/2024 O Concello de Santiago súmase á Semana Europea da Mobilidade, que nesta edición se celebra baixo o lema "Espazo público compartido", e faino cun programa de actividades que volve reivindicar o uso dos modos brandos de transporte e a recuperación de máis espazo para as persoas. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, presentou hoxe as actividades, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera.

Xan Duro explicou que a Semana Europea da Mobilidade ten como obxectivo sensibilizar á veciñanza "dos beneficios que tén para o medio ambiente e para a saúde pública o uso dos modos brandos de transporte, fundamentalmente do transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé". Ao tempo, trátase de concienciar á cidadanía "de que debemos avanzar na recuperación do espazo público para as persoas, imaxinando como sería a cidade que habitamos con menos ocupación por parte do vehículo privado". Nese sentido, Xan Duro salientou que "o exceso de coches nas cidades non só supón contaminación acústica e atmosférica, que impacta na calidade de vida, senón tamén contaminación visual, que supón un ambiente menos agradable para os veciños e veciñas".

Bicicletas antigas e "Día de camiñar ao cole"

As actividades da Semana Europea da Mobilidade comezan mañá, coa inauguración dunha exposición de bicicletas antigas, no Colexio de Fonseca, en colaboración coa Universidade de Santiago. Trátase das bicis propiedade de Eusebio Rivero, un coleccionista pontevedrés que posúe ducias de modelos anteriores a 1940, restaurados e postos en uso por el mesmo. A mostra, que mañá visitarán a alcaldesa, Goretti Sanmartín, o reitor, Antonio López, e o concelleiro Xan Duro poderáse visitar ata o 24 de setembro.

Tamén ao abeiro da SEM, o venres celebrarase o "Día de camiñar ao cole", coa colaboración do departamento de Educación Viaria da Policía Local. Trátase dunha iniciativa na que teñen confirmada a súa participación os CEIPs Quiroga Palacios, Vite I, Pío XII, Raíña Fabiola, López Ferreiro e Ramón Cabanillas. Para cada un deles fixaránse puntos de encontro, desde os que os nenos e nenas se desprazarán camiñando ao centro, acompañados por persoal da Policía Local e de Protección Civil.

O concelleiro de Mobilidade animou á participación nesta xornada, "para demostrar que é viable e que é seguro ir camiñando ao colexio, e para que os nenos e nenas perciban tamén que son capaces e que é moito máis agradable e máis positivo para a súa socialización chegar andando ao centro e evitar as aglomeracións de vehículos que se producen nas entradas dos centros nas horas punta".

Día sen coches

O domingo 22 de setembro será o Día sen Coches, no marco da Semana Europea da Mobilidade. Este ano, pecharáse ao tráfico Virxe da Cerca, entre Porta do Camiño e a rúa das Trompas, desde as 10:30 ata as 13:30 horas. Nese horario, o tráfico da rúa mudarase por diferentes actividades, en colaboración coa Asociación Xogos Tradicionais Compostela, Don Bosco, e a tenda de bicicletas La Fuga.
Tal e como explicou o xerente de Tussa, "o obxectivo desta actividade é chamar a atención sobre a posibilidade de recuperar un espazo que está especialmente sobrecargado de tráfico para o uso da veciñanza, e advertir de como o exceso de vehículos limita o desfrute dos espazos públicos".

Compartir: