LINGUA

Comezan os obradoiros de acollemento lingüístico organizados polo Concello de Santiago

17/09/2024 Filipina, Bélxica, Etiopía, Turcomenistán ou México…son algúns dos lugares de procedencia das persoas que esta semana comezaron o seu achegamento inicial á lingua e cultura galegas da man dos obradoiros de acollemento lingüístico que organiza o Departamento de Lingua do Concello de Santiago.

Esta semana arranca unha nova quenda dos obradoiros de acollemento lingüístico organizados polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago, unha actividade de formación presencial en lingua e cultura galegas dirixida á veciñanza procedente doutras comunidades lingüísticas, que se desenvolverá ata o 4 de decembro nas dependencias do Espazo Apego, na rúa República do Salvador 12.

Os obradoiros de acollemento lingüístico son cursos presenciais para achegarse por primeira vez á lingua e comezar a desenvolver as destrezas básicas de comprensión e produción oral e escrita. Esta formación conta cun total de 36 horas de carácter presencial divididas en 24 sesións de hora e media. Ademais realizaranse diferentes actividades fóra da aula.

Ao igual que nas dúas anteriores quendas anteriores, os obradoiros de acollemento tamén ofrecen un nivel de continuación, pensado para persoas que xa realizasen anteriormente algunha outra actividade de formación inicial ou que posúan un nivel básico de comprensión e produción oral e escrita en galego. Esta modalidade de continuación terá lugar desta volta en horario de mañá, de 11.00 a 12.30 horas, mentres que de 20.00 a 21.30 horas, no horario de tarde, desenvolverase o habitual obradoiro de iniciación.

As persoas inscritas nesta quenda de outono son de procedencias tan diversas como: Filipinas, Reino Unido, Bélxica, Francia, Euskadi, Aragón, Etiopía, Turcomenistán, Arxentina, Brasil, Colombia, Venezuela, Uruguai, México…

A inscrición está completa, pero as persoas interesadas en vindeiras convocatorias poden obter máis información na páxina delingua.santiagodecompostela.gal; chamando ao número 981 542 409 ou contactando co Departamento de Lingua Galega municipal a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: