XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de mellora do CSC de Villestro e aproba o proxecto de construción dunha sala de usos múltiples no CSC da Rocha

16/09/2024 O executivo municipal deu luz verde á adxudicación á empresa CALICANTO OBRAS Y PROYECTOS SL do contrato para levar a cabo as obras de mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro, un proxecto ao abeiro do POS+2021 que contará cun orzamento final de 74.515,63 euros. Tamén se aprobou na sesión desta mañá o proxecto de sala de usos múltiples do centro sociocultural da Rocha, cun orzamento base de licitación de 172.318,33 euros. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno deu conta en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.

Míriam Louzao anunciou na rolda de prensa a aprobación por parte do executivo municipal da adxudicación do contrato de obras de execución do proxecto de mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro á empresa CALICANTO OBRAS Y PROYECTOS SL, por un importe de 74.515,63 € (base impoñible de 64.888,95 € máis IVE do 21% por importe de 13.626,68 €) e detallou que contará cun prazo de execución de tres meses.

Esta actuación realizarase ao abeiro do POS+ 2021 da Deputación da Coruña e permitirá a eliminación de humidades por filtracións desde a cuberta, o pintado, a substitución das carpintarías exteriores e tamén a instalación no exterior dun sistema de illamento SATE, mantemento das carpintarías interiores, así como a pavimentación do acceso peonil.

Ademais, a voceira municipal deu conta da aprobación do proxecto para a construción dunha sala de usos múltiples no centro sociocultural da Rocha, que contará cun Orzamento Base de Licitación de 172.318,33 € con IVE. Trátase dunha obra financiada xunto coa Deputación da Coruña e que ten un prazo de execución previsto de 6 meses.

O proxecto consistirá na "construción dun atrio protexido e cuberto onde poder facer os actos que programa esta asociación, e que ademais inclúe un área de descanso na parte traseira para visitantes e veciñanza", detallou a voceira. O obxectivo principal é "dar solución á falta de espazo" para as iniciativas programadas pola Asociación Cultural da Rocha Forte que desde o ano 2005 vén desenvolvendo unha intensa actividade social e cultural que se suma á programación municipal.

A proposta da actuación suporá a execución dos seguintes traballos: demolicións, desmontaxes e movementos de terras; instalación de saneamento, cimentacións e estruturas; fachadas e solados; cubertas, carpintería e acristalamentos; instalacións; pinturas; e axardinamento.

Outras obras

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde á autorización do inicio de trámites para proceder á recepción das obras de instalación de alumeado público na rúa das Estrelas, que une o Monte do Gozo con San Lázaro, que foron adxudicadas á empresa VILELA ELECTRICIDAD por un importe de 87.547,99 euros.

Tamén se aprobaron as certificacións finais dos contratos das obras de repavimentación da praza da Nosa Señora da Mercé de Conxo coas que se levou a cabo a substitución do pavimento de lastro por pavimento de alcatrán, a elevación da vía en 15 cm sobre o pavimento actual co obxectivo de eliminar os bordos e crear unha plataforma compartida, a instalación de dúas marquesiñas de autobús e a renovación da sinalización horizontal e vertical. O executivo municipal tamén deu luz á certificación final do contrato de acondicionamento da antiga N-634 no núcleo de Lavacolla (Sabugueira).

Compartir: