EDUCACIÓN

O Concello destina máis de 270.000 euros para a posta a punto de 20 centros educativos do municipio

11/09/2024 Con motivo do inicio do curso, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, visitaron esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Roxos, acompañadas polos membros das directivas dos centros e das ANPAS. Aos 186.000 euros destinados pola Concellaría de Educación aos labores de mantemento realizados durante o verán, súmanse os 86.000 euros destinados ás actuacións realizadas desde a Concellería de Deportes, polo que o investimento municipal total na posta a punto dos centros educativos superaría os 270.000 euros.

Con motivo do inicio do curso, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, visitaron esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Roxos, acompañadas polos membros das directivas dos centros e das ANPAS. Á achega de 186.000 euros en labores de mantemento, súmase os 86.000 euros destinados ás actuacións realizadas desde a Concellería de Deportes, polo que o investimento total nos centos educativos superaría os 270.000 euros.

No día de arranque do curso escolar, a alcaldesa e a concelleira de Educación achegáronse ao CEIP de Roxos para coñecer in situ as obras de mantemento e mellora realizadas no centro durante o verán nos que o Concello investiu "uns 53.000 euros, incluído o pintado do chan do pavillón", segundo detallou Míriam Louzao.

A concelleira de Educación tamén reiterou o compromiso municipal co rural compostelán e coas escolas unitarias e anunciou que "desde esta mesma semana a escola de Marrozos está conectada á rede de abastecemento municipal e o longo dos tres meses vindeiros tamén quedará conectada a escola do Eixo", co quedarían "as tres escolas coa situación correcta neste sentido".

Míriam Louzao detallou que a Concellaría de Educación levou a cabo durante os meses de verán unha serie de actuacións por valor de case 186.000 euros no marco do contrato de mantemento en labores de pintado, reposición ou substitución de elementos chave, obras para e mellora da accesibilidade arranxos e reparacións de estruturas. "Queremos facer máis confortables os espazos nos que pasa tantas horas a comunidade educativa" e anunciou que durante o período lectivo, realizaranse novas obras en centros educativos, entre elas, as máis inmediatas, o acondicionamento de parcelas próximas aso colexios de Ramón Cabanillas e Quiroga Palacios para facilitar o aparcamento.

Pola súa banda, a alcaldesa destacou o seu compromiso do profesorado e todo o persoal educativo e reiterou o seu apoio ás demandas deste colectivo "para que as ratios nas aulas sexan máis baixas e o profesorado poida atender mellor a todo o alumnado, apostamos tamén por máis persoal de apoio nas aulas e máis recursos, porque as crianzas son o futuro pero tamén o presente deste concello, un concello que queremos orgulloso de si, un concello no que a xente é o centro da nosa acción de goberno para unha Compostela mellor para vivir, boa de vivir".

Goretti Sanmartín tamén detallou outras actuacións realizadas nos centros educativos desde a Concellaría de Deportes como a modernización do pavimento de xogo do pavillón do CEIP de Roxos, a reparación das filtracións de auga existentes no pavillón de Lamas de Abade e a súa adecuación para a práctica de Hockey.

A rexedora tamén anunciou para os próximos meses novas actuacións como "a renovación de iluminación do pavillón CEIP Vite I, a ampliación do aforo nos pavillóns do CEIP Quiroga Palacios e no do CEIP Monte dos Postes". "Levamos unha cantidade desde o Departamento de Deportes a través destas últimas actuacións xa feitas de 86.000 euros, así que estamos falando dun investimento superior aos 270.000 euros", engadiu.

Compartir: