A concelleira Pilar Lueiro explica os avances do I Plan Municipal de Saúde co foco na prevención

10/09/2024 A concelleira delegada da UMAD, Pilar Lueiro, presidiu este martes a segunda reunión do Consello Municipal de Saúde, tras a súa constitución o pasado mes de xuño. Nesta ocasión, abordou os avances do I Plan Municipal de Saúde centrado nas actividades físico-deportiva en infancia e maiores, nos trastornos aditivos e na saúde mental, co obxectivo de mellorar a vida da veciñanza co foco na prevención.

A reunión tivo lugar no edificio das Asociacións Cabes coa presenza, por parte do goberno local, da concelleira delegada da UMAD, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e o de Urbanismo, Iago Lestegás. No encontro, a concelleira explicou os avances no plan municipal, que ten o seu primeiro fito na actualización do Diagnóstico Municipal de Saúde do ano 2022. Para iso, xa se solicitaron e estanse a recabar datos sobre indicadores de mortalidade, interrupcións voluntarias de embarazo, número de persoas atendidas polo Sergas na área sanitaria e datos sobre servizos extrahospitalarios, entre outros.

"A intención é termos unha actualización do diagnóstico a finais deste ano, para ter o plan de saúde no segundo semestre de 2025", indicou Pilar Lueiro, quen tamén propuxo aos asistentes a esta reunión organizar o grupo de traballo aberto para a redacción e posta en marcha deste I Plan de Saúde.

O obxectivo final é obter un Plan municipal que se axuste á realidade compostelá, tratando a saúde de forma global e transversal, así como detallando áreas específicas de especial relevancia como e o eido da saúde mental.

No Día Internacional para a Prevención do Suicidio, a concelleira delegada da UMAD mostrou a súa inquedanza e formulou a necesidade de incrementar a información para sensibilizar sobre esta cuestión. Ademais, deu conta dos datos rexistrados pola Policía Local no que vai de ano. Os axentes locais interviñeron en 2024 en 66 ocasións, das cales 63 foron tentativas de suicidio.

Consello Municipal de Saúde

O Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta, asesoramento e seguimento das accións en materia de protección e promoción da saúde, así como da actividade sanitaria no ámbito municipal.

Trátase dun órgano permanente de participación, asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate, cuxo ámbito de actuación é coincidente cos límites e competencias municipais e sempre referido á temas de saúde pública

Son funcións deste Consello, a representación e canalización da participación comunitaria en temas de saúde ou asesoramento e a elaboración de propostas de actuación en materia de saúde, así como o seguimento das mesmas.

O Consello Municipal de Saúde está formado pola alcaldesa ou a concelleira delegada de Saúde así como representantes da Corporación municipal e doutras entidades do sector sanitario, colexios profesionais, asociacións de usuarios/as e pacientes, representantes veciñais e doutros organismos, así como persoal técnico municipal.
O Consello constituíuse o pasado mes de xuño tras inscribirse neste órgano, ademais dos integrantes de todos os grupos da corporación municipal (BNG, CA, PP e PSOE), representantes da administración e do persoal sanitario, colexios profesionais do ámbito da saúde e membros do colectivo veciñal.

Compartir: