EDUCACIÓN

O Concello de Santiago inviste, nos meses de xullo e agosto, case 186.000 euros en obras de mantemento e mellora de centros educativos

07/09/2024 Desenvolvéronse actuacións de mantemento e mellora en máis de 20 centros, continuando o obxectivo estratéxico do Concello de reforzar as infraestruturas educativas

O Concello de Santiago reforza o seu compromiso coa seguranza e a accesibilidade en centros educativos e parques infantís investindo case 186.000 euros este verán para levar a cabo diversas actuacións de mantemento e mellora.

Así, o Concello de Santiago continúa reafirmando e actuando en prol da mellora das infraestruturas educativas. Este verán leváronse a cabo actuacións en máis de 20 centros, entre as que se atopan labores de pintado, reposición ou substitución de elementos chave, obras para a mellora da accesibilidade, arranxos e reparacións de estruturas, cambio ou renovación de sistemas eléctricos e de fontanería, instalacións...

Entre os centros intervidos atopánse o EIM Conxo, o EIM Fontiñas, o EIM Meixonfrío – Salgueiriños, o EEI Tambre, o EEI Trasparlamento, o EEI San Roque, o ER Bispo Teodomiro, o ER do Gaioso – Eixo, o ER do Rial Araño, o CEIP Apóstolo Santiago, o CEIP Arquitecto Casas Novoa, o CEIP Cardenal Quiroga Palacios, o CEIP Fontiñas, o CEIP Lamas de Abade, o CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Monte dos Postes, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP Ramón Cabanillas, o CEIP Roxos de Villestro, o CEIP de Vite; e fixéronse actuacións en diversos parques infantís.

As obras de mantemento e mellora foron deseñadas para garantir entornos de aprendizaxe seguros, modernos e axeitados para a mocidade e persoal educativo. As obras foron coidadosamente planificadas e executadas durante o período estival para minimizar o impacto na vida escolar e disporán dun seguimento durante o curso. Durante o período lectivo, realizaranse novas obras en centros educativos. Entre elas, as máis inmediatas son o acondicionamento das parcelas próximas aos colexios Ramón Cabanillas e Quiroga Palacios para facilitar o aparcamento.

Compartir: