CAPITAL CULTURAL

Curtocircuíto presenta unha programación de espectáculos AV marcada pola exploración

06/09/2024 33EMYBW (Xangai), Joey Holder (Reino Unido), Ricardo Giovinetto, (Italia), Alessandra Leone (Italia), Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda) ou Yousuke Yukimatsu (Xapón) visitarán Compostela. As actuacións terán lugar entre o xoves 3 e o domingo 6 no Teatro Principal e na Sala Capitol. O festival comisariará o encontro entre os artistas Emil Saiz e Judith Adataberna para reivindicar a figura do cineasta e biólogo francés Jean Painlevé. O martes 10 estárán dispoñibles para a venda tres tipos de abonos a través da web de compostelacultura.gal.

O Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO presenta na súa vixésimo primeira edición unha programación musical cun cartel de espectáculos audiovisuais marcado pola vangarda e unha destacada nómina de artistas internacionais: 33EMYBW (Xangai), Joey Holder (Reino Unido), Ricardo Giovinetto, (Italia), Alessandra Leone (Italia) Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda), Yousuke Yukimatsu (Xapón). O programa, ademais, conta con artistas da escena galega e estatal como Iván Torres Hernández, Andrés Rodrigues, Xoán-Xil, Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), Emil Sáiz, Judith Adataberna, Javi Álvarez, Irene de Andrés ou Mwëslee.

As súas actuacións desenvolveranse desde o xoves 3 ata o domingo 6 de outubro no Teatro Principal e na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Curtocircuíto consolida así a súa aposta por reivindicarse como un festival comprometido coas novas linguaxes audiovisuais, superando os límites da pantalla.

A produtora e artista visual 33EMYBW inspírase na música de baile moderna, na música folclórica e nunha ampla gama de materiais visuais para xerar deseños de son experimentais. Actuará xunto co londiniense Joey Holder, un artista cuxo traballo suscita cuestións filosóficas relacionadas co futuro da ciencia, da medicina, da bioloxía e das interaccións entre humanos e máquina. A súa obra propón unha "mundialización" a partir das instalacións multimedia inmersivas.

A italiana Alessandra Leone e a franco-irlandesa Zoë Mc Pherson, compañeiras no selo SFX, presentarán en Santiago de Compostela Pitch Blender, un espectáculo audiovisual no que achegan experimentos cibernéticos á pista de baile, entre o rave e o espazo artístico, que poboan o recente álbum homónimo de Zoë. Leone traballa con medios interactivos, co deseño xerativo, coas narrativas baseadas en datos e na dirección de vídeos musicais a través de varias colaboracións. Zoë é unha artista multimedia cuxo traballo está construído sobre elementos da performance, do deseño de son, da arte de instalación e de DJ.

O artista visual e multimedia, físico e profesor italiano, así como o fundador do dúo de música electrónica Ozmotic, Ricardo Giovinetto, presentará Femina, o seu primeiro proxecto en solitario co que debutou na noite de apertura do Ars Electronica Festival 2023 e replicou no L.E.V. Festival e Mutek Montreal entre outros. Trátase dunha obra que adopta múltiples formas, como performances audiovisuais, instalacións e composicións para concertos.

Considerado un dos mellores do mundo por moitos dos seus colegas, o DJ xaponés Yousuke Yukimatsu traballa cunha inmensa variedade de xéneros para xerar conexións alucinantes. Fixo nas instalacións/actuacións de Asian Dope Boys, o seu set de 2022 en Hör Berlin acumulou máis de dous millóns de visitas en menos de dez meses

As profundidades oceánicas e outras aproximacións marítimas, presentes na programación en directo

Curtocircuíto propón nesta edición unha serie de contidos e actividades vencellados ao mar e as profundidades oceánicas. Dentro dos espectáculos audiovisuais, haberá catro propostas que se aproximen a esa realidade dende diferentes perspectivas.

No seu esforzo por reunir talento e crear vínculos, Curtocircuíto comisaría o espectáculo The Dance of the Witches, na que o músico Emil Sáiz e a artista visual viguesa Judith Adataberna reinterpretan en directo a obra submarina do mítico cineasta e y biólogo francés, Jean Painlevé. Esta proposta tece, un espectáculo no que onde as texturas xeradas pola guitarra de Sáiz se fundirán fundiranse coas imaxes propostas por Adataberna, a miúdo corpo-cámaras que ensaian sobre posibles modelos e simulacións da realidade, buscando os espazos liminais da conciencia e da propiocepción a través do alucinatorio.

URHO é un proxecto performativo que se basea en sons e imaxes gravadas polo artista audiovisual afincado en Santiago, Iván Torres, a bordo do rompexeos finlandés URHO. A proposta contará coa participación dos músicos e artistas sonoros Andrés Rodrigues e Xoán-Xil, que ofrecerán en Curtocircuíto unha paisaxe sonora mediante o uso de sintetizadores, instrumentos construídos por Xoán-Xil e imaxes de estilo documental con animación en celuloide.

O dúo formado pola artista ibicenca Irene de Andrés e o compostelán Javi Álvarez achegará Dopo la pausa (AV), a versión en directo da película realizada por De Andrés, cuxa obra ten como temática habitual a evolución do concepto de ocio e do significado propio da viaxe ao longo da historia, dende os primeiros poboadores ata os tour operators. En concreto, esta peza preséntase como unha viaxe polo Mediterráneo occidental seguindo a evolución da turistificación desde a principal etapa do seu máximo expoñente: o cruceiro. Un plano de seguimento provocado polo propio movemento do barco, que invita á contemplación reflexiva con referencias a outras películas baseadas en cruceiros por este mar tan demandado.

A película estará musicada en directo por Álvarez. Coñecido por ser a metade de Fluzo e por unha cantidade delirante de proxectos ás súas costas, destaca pola súa afección á investigación e á intervención de aparellos electrónicos ou a filmación con formatos estraños. Á actuación engadirase un coloquio entre ambos os artistas.

Seguindo coa hibridación de formatos AV e co enfoque cientificista do festival, o dúo Bromo, formado por Paloma Peñarrubia (música) e Azael Ferrer (visuais), proporá CRISPR the Pattern of Life. Un espectáculo que, máis alá da música experimental e da arte xenerativa, propón un enfoque practicamente documental que nos mergullará no coñecemento dos sistemas CRISPR, un dos avances máis apaixonantes da historia da biotecnoloxía.

A programación musical de Curtocircuíto 2024 complétase con Diego Cobo, tamén coñecido como Mwëslee, un dos produtores de música electrónica e DJ máis recoñecidos do panorama galego. Residente en Vigo, as súas creacións combinan elementos do RnB futurista, electrónica de alta gama e unha sensibilidade próxima ao avant-jazz. É membro fundador do influente colectivo/selo Arkestra e participante da Red Bull Music Academy en 2005.

Venda de abonos e entradas

Os abonos desta vixésimo primeira edición de Curtocircuíto poránse á venda o vindeiro martes ás 11.00 horas na web de Compostela Cultura. Pódense adquirir tres tipos de abonos: para todas as proxeccións, cun prezo de 20 euros; para os live AV (espectáculos audiovisuais en directo), cun custo de 30 euros e o abono integral por 40 euros, que inclúe a asistencia a todas as proxeccións, concertos e experiencias audiovisuais.

Proximamente, tamén se poderán adquirir entradas individuais. Os pases para as proxeccións custan 4 €. O prezo das sesións de live AV no Teatro Principal é de 8 euros, e de 14 euros na Sala Capitol. As sesións especiais do Teatro Principal serán de balde previa recollida de convite.

As entradas poderán mercarse a través da páxina de compostelacultura.gal, e de xeito presencial, na Zona C - Punto de Información Cultural, en horario de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. Tamén no Teatro Principal durante os días nos que se desenvolve o festival.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e ICAA.

Compartir: