IGUALDADE

O Concello de Santiago constitúe este xoves o Consello Municipal de Igualdade

04/09/2024 Xogará un papel fundamental na análise e posta en común dos retos colectivos para continuar afianzando un concello diverso, inclusivo e igualitario.

O Concello de Santiago constitúe este xoves o Consello Municipal de Igualdade, que funcionará como entidade de análise e posta en común de retos colectivos. O obxectivo do concello é seguir apostando por espazos diversos, inclusivos e igualitarios.

Así, o Concello aposta neste modelo por unha participación activa de representantes do asociacionismo feminista e LGTB para abordar cuestións específicas. Entre elas, a violencia cara as mulleres, a lgbtifobia, a creación de espazos seguros no ocio nocturno...

O regulamento foi aprobado polo pleno da corporación no mes de maio e entrou en vigor definitivamente o pasado mes de xullo, despois do preceptivo trámite de exposición pública.

Nesta primeira xuntanza, que será presidida pola alcaldesa e responsable da área de igualdade do concello, Goretti Sanmartín Rei, solicitaron participar 10 entidades representativas do tecido feminista e LGBTI, así como representantes dos 4 grupos políticos da corporación municipal.

Bota a andar así o curso político coa constitución deste Consello Municipal de Igualdade, dando cumprimento a un compromiso de goberno que responde á centralidade e transversalidade das políticas de igualdade neste mandato.

Compartir: