CAPITAL CULTURAL

O programa Patrimonio C abre á cidadanía o legado histórico e cultural de Compostela

04/09/2024 Compostela Cultura programa até final de ano un amplo abano de actividades para visitar, gozar e vivir a riqueza patrimonial de Santiago. Do 9 ao 14 de setembro a sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible ofrece visitas guiadas de balde a espazos singulares e habitualmente inaccesibles de Compostela.O sábado 14, a cidade súmase tamén ás celebracións da Noite do Patrimonio con espectáculos de música e danza, itinerarios guiados e coa apertura de portas a obradoiros, espazos de arte e outras localizacións esenciais do seu mapa cultural

O Concello de Santiago principia este mes de setembro o ciclo Patrimonio C, un intenso programa de actividades para difundir e pór en valor a riqueza patrimonial da cidade, aguilloar o sentimento de pertenza da cidadanía e a curiosidade das e dos visitantes, ademais de resignificar e poboar os seus espazos singulares e históricos, alicerzando o seu uso por parte da veciñanza fronte á dinámicas que os limitan a un uso exclusivamente turístico.

A alcaldesa Goretti Sanmartín presentou esta iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña nunha rolda de prensa na que interviñeron tamén a deputada de Cultura desta institución, Natividade González, e César Abella e Manuel Rial, director xeral e xestor cultural de Trivium, entidade participante na organización do programa.

En palabras da alcaldesa, "Compostela é unha cidade e un Concello orgulloso de si, e esa reivindicación do riquísimo patrimonio en todas as súas dimensións tradúcese nun programa que cada vez se ofrece a máis persoas para que poidan coñecer e descubrir eses tesouros invisibles". Sanmartín salientou a vontade por dar continuidade a este esforzo ao longo do ano e destacou o incremento do número de prazas dispoñibles nas actividades ofrecidas nesta edición.

O programa Patrimonio C abre o luns 9 de setembro coa sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible. Até o sábado 14 este ciclo convida a cidadanía compostelá e as persoas visitantes a coñecer de primeira man edificios e localizacións históricas que constitúen e abeiran boa parte do legado patrimonial de Santiago e que rara vez poden ser visitados. Co gallo de fornecer unha experiencia cultural única para gardar na memoria, deséñanse visitas guiadas e de balde para grupos pequenos e cunha duración aproximada dunha hora que buscan conxugar a calidade do discurso narrativo coa protección dos bens culturais. O mapa inclúe unha ducia de espazos singulares entre os que se contan algúns xa presentes en edicións anteriores, como o Hospital Psiquiátrico de Conxo, o edificio da Facultade de Xeografía e Historia, o cemiterio e a capela do Rosario ou os mananciais de Compostela, alén doutros que centran as visitas nocturnas da Noite do Patrimonio. A eles engádense novos lugares como a fachada e a torre do Tesouro da Catedral, o CSC da Trisca, o Observatorio Ramón María Aller da USC e unha visita secreta. Máis de medio cento de propostas con 702 prazas que incrementan nun 10% as dispoñibles na anterior edición.

Para participar en calquera dos grupos, é preciso realizar inscrición previa a través do formulario de reservas que estará dispoñible o venres 6 de setembro, ás 12 horas en patrimonioinvisible.gal e na web de Compostela Cultura.
A sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, conta coa colaboración do Servizo Galego de Saúde, o Colexio Maior da Estila, ViaQua, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación e o Cabido da Catedral de Santiago.

A Noite do Patrimonio

O Concello de Santiago, que exerce en 2024 a presidencia do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (CPCHE), súmase un ano máis ás conmemoracións da Noite do Patrimonio ao caer do sol o sábado, día 14 de setembro. A axenda de actividades deste evento, que conta coa colaboración do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), do Instituto da Xuventude e das institucións que integran o GCPHE, promove diferentes accións artísticas que dialogan cos espazos urbanos, visitas guiadas e itinerarios para descubrir cando menos parte dos lugares, das persoas e dos oficios que manteñen viva a riqueza artística e cultural da cidade.

Tres liñas de actuación, ‘Patrimonio Aberto’, ‘Patrimonio agora’ e ‘Patrimonio ao Vivo’, estruturan o programa. Ao abeiro da primeira delas, o paseo Compostela Nocturna ofrecerá a partir das 21.00 horas tres percorridos guiados cunha duración aproximada dunha hora para afondar na relación entre Santiago e a noite. Para participar será preciso inscribirse previamente na web patrimonioinvisible.gal. Ás 21.00 horas abren tamén as portas de centros e entidades que conforman o mapa cultural da cidade, como a Casa das Máquinas, a Zona C·(antiga casa do Concello), a Casa do Cabido con acceso á exposición Ksado iconas de Galicia, o Colexio de Fonseca que acubilla a exposición O legado Ángel. Arte e oficio en Compostela ou a igrexa da Universidade, onde se poderá visitar a mostra Instrumentos de visión, de Armin Linke. Estas visitas non exixen reserva previa. Ás 21.30 horas arrancará ademais un itinerario fotográfico da man do artista compostelán Manuel Blanco para descubrir espazos e lugares cun atractivo especial e aprender a fotografalos de noite coas cámaras dos dispositivos móbiles. A participación neste caso é libre sen necesidade de reserva e o punto de encontro será a Casa das Máquinas.

No marco da liña ‘Patrimonio Agora’ a noite de portas abertas esténdese a outros espazos creativos que traballan diariamente na creación e reivindicación dun patrimonio vivo e en constante crecemento, como a galería Patio de Luz, a ourivaría de Susi Gesto, o espazo de arte Mareiras Art, de María Eiras, o obradoiro Copia Cerámica, de Pablo Barreiro, ou o espazo de traballo e pensamento O Gabinete, no barrio de Sar. Todos eles son de acceso libre, agás o de Susi Gesto, que exixe reserva previa en susigestoobradoiros@gmail.com

A axenda da Noite do Patrimonio garda aínda lugar para dúas actuacións especiais de ‘Patrimonio ao Vivo’. Ás 20.00 horas, o bailador Israel Galván, Premio Nacional de Danza, ofrecerá na Casa das Máquinas o espectáculo de flamenco Solo. E ás 21.30 horas o Coro da Ra arrancará na praza de Cervantes un concerto itinerante co que percorrerá distintos espazos do casco histórico. Ambas as actuacións son de balde sen necesidade de reserva.

Máis Patrimonio C

O ciclo Patrimonio C estende as súas propostas até final de ano con novos itinerarios arredor do patrimonio material e inmaterial compostelán que se irán anunciando nas próximas semanas. A información ao detalle das actividades ao seu abeiro así como as formas de participación e acceso estará dispoñible na web e redes de Compostela Cultura.

Direccións relacionadas



Compartir: