CAPITAL CULTURAL

Curtocircuíto reinvéntase para explorar as profundidades oceánicas

29/08/2024 Do 1 ao 6 de outubro, a 21ª edición do festival manterá a súa aposta pola diversidade de ollares en máis de corenta obras procedentes de 16 países e preto dun 66% de filmes asinados por cineastas mulleres. Na sección oficial Cosmos competirán 25 traballos entre os que se atopan as últimas creacións de Elena López Riera, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger. A programadora Caroline Maleville, os comisarios Gilherme Blanc e Peter Taylor, a xornalista Jara Yáñez e a escritora Valeria Mata conforman o xurado desta edición. As propostas máis atrevidas e os primeiros traballos de cineastas de Galicia daranse cita nas seccións Planeta GZ e Supernova. Os abismos mariños protagonizan a imaxe e as temáticas desta nova edición que trae á superficie o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra a súa vixésimo primeira edición cunha programación competitiva que conxuga o compromiso coa igualdade cunha ampla representación internacional.

Entre o 1 e o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as e os amantes do cinema poderán gozar dunha ampla selección de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións: Cosmos, Planeta GZ e Supernova. Deses títulos, 27 están dirixidos por mulleres, o 65’8% do total —15 de 25 en Cosmos, 6 de 9 en Planeta GZ, 6 de 7 en Supernova—, un dato que pon de manifesto a aposta de Curtocircuíto pola mirada feminina na súa programación. Presentarán as súas novas obras cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger.

Organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), co apoio da Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), entre outras entidades, este festival de programación permeable que desborda a sala de cine con AV, conferencias, performances ou mesas redondas, dedica a imaxe da nova edición ás ‘profundidades oceánicas’. O cartel de Curtocircuíto 2024, obra de Iñaki López, componse de catro imaxes de abismos mariños que reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento sempre atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais. Como novidade este ano, esta idea central non se cinguirá á campaña visual, senón que atravesará gran parte da nosa programación. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio. Perspectivas que van dende a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarán o público dende o litoral á alta mar, e mergullarano na zona abisal até chegar á zona hadal.

Nesta nova edición, a maior parte das actividades de Curtocircuíto desenvolveranse en dúas salas da capital galega —o Teatro Principal e a Sala Capitol— ás que se suman o Auditorio Abanca e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

25 filmes de 16 países en Cosmos

Na súa segunda edición, a Sección Oficial de Curtocircuíto volve recoller a vontade de romper as barreiras entre os xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar sen limitacións. Cosmos é unha aposta porque o cine narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade teñan un espazo para a súa visibilización e a súa reflexión.

Nesta ocasión, a sección propón unha heterodoxa selección de filmes que abrangue dende cinema narrativo até pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Confórmana 25 filmes de 16 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra ou España.

O risco e a innovación marcan as obras que se poderán ver en Curtocircuíto, onde atopamos propostas de ficción —Radikals, Across the Waters, Circle, Hymn of the Plague/Gimn Chume, Lemon Tree, Mother is a Natural Sinner, La Fille qui explose—, documental —Las novias del sur, Krutxalteatik Uronarat, Frialdad, Exit Through the Cuckoo’s Nest — e, especialmente, ensaio —Bliss Point, For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World, The Sunset Special 2, The Vertigo of the Ways of Seeing, Terminal Island, Crushed, Into the Magnetic Fields, Moon v. State, City of Poets, Arbor Labor, Ulía, It Will Be Better Before, Few Can See, The Electric Kiss—. A relación completa de filmes confórmana:

- Bliss Point de Gerard Ortin. 2023 - España
- Aquí estoy sentado en una lata volando por encima del mundo de Gala Hernández. 2024 - España
- The Sunset Special 2 de Nicolas Gebbe. 2024 - Alemaña
- El vértigo de las distintas maneras de ver de Daniel Pitarch. 2024 - España
- Terminal Island de Sam Drake. 2024 - Estados Unidos
- Crushed de Camille Vigny. 2024 - Bélxica
- Into the Magnetic Fields de Sandra Schäfer. 2024 - Alemaña
- Moon v. State de James N. Kienitz Wilkins. 2024 - Estados Unidos
- Radikals de Arvin Belarmino. 2024 - Filipinas, Estados Unidos, Bangladesh, Francia
- Across the Waters de Viv Li. 2024 - Francia
- City of Poets de Sara Rajaei. 2024 - Países Baixos
- Circle de Joung Yumi. 2024 - Corea do Sur
- Las novias del sur de Elena López Riera. 2024 - Suíza, España
- Gimn Chume de Ataka51. 2024 - Alemaña, Rusia
- Arbor Labor de Stefanie Weberhofer. 2024 - Austria
- Ulía de Laura Moreno Bueno. 2024 - España
- Lemon Tree de Rachel Walden. 2023 - Estados Unidos
- It Will Be Better Before de Keto Kipiani. 2024 - Xeorxia
- Few Can See de Frank Sweeney. 2023 - Irlanda
- The Electric Kiss de Rainer Kohlberger. 2024 - Austria, Alemaña
- Mother is a Natural Sinner de Boris Hadžija, Hoda Taheri. 2024 - Alemaña, Irán
- Krutxalteatik Uronarat de Marina Lameiro, Pueblo de Uztárroz. 2024 - España
- Frialdad de Andrea Sánchez. 2023 - España, Andorra
- La Fille qui explose de Caroline Poggi, Jonathan Vinel. 2024 - Francia
- Exit Through the Cuckoo’s Nest de Nikola Ilić. 2024 - Suíza

A heteroxeneidade da escena galega, en Planeta GZ

Un ano máis, Planeta GZ celebra o cine galego proxectando películas dirixidas polas e polos cineastas máis singulares do país. Na edición de 2024 preséntanse nove películas, a maioría dirixidas por mulleres, que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental.

Esta selección convida a percorrer un camiño que se esvaece baixo un ceo crepuscular, todo envolto nunha beleza e nunha case inevitable nostalxia. Cada película ofrece unha visión íntima dun ser humano que, ás veces, atopa o seu reflexo no territorio, como en Humedalia e Queimar cando morra; outras veces transítao na procura dun cambio de morada, como en Corre o Vento, Pechar caixas abrir caixas e Patios de luz; e que outras abre portas cara verdadeiros refuxios da alma, como no caso de Exposed). A medida que se avanza entre enredos, na escuridade, como en A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal, é a memoria a que se converte nun faro e nos guía por ese camiño escuro cara algunha aldea afastada.

- Exposed de Nela Fraga. 2024
- Pechar caixas abrir caixas de Hugo Amoedo. 2024
- Queimar cando morra de Inés Pintor. 2024
- A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal de Sabela Eiriz. 2024
- Corre o vento de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. 2024
- Patios de luz de Fran Rodriguez Casal. 2024
- Humedalia de Irene Saenz Carballeira. 2024
- O patio de Ariadna Cordal García. 2024
- Histeria do meu pequeno mundo de Pablo Fontenla. 2024

Cine emerxente galego en Supernova

Como un fío de auga que agroma e busca o seu curso, cada unha das sete pezas que conforman esta sección, con estilos e formatos propios—documental, ficción e experimental—serve de canle para a procura da propia identidade. El cuerpo que existe más que yo sae de noite, mentres que durante o día as raíces familiares se manifestan en Muiño D’abaixo e Pura. Río abaixo, obras como A mirada delas e .JPEG sacian a sede de curiosidade a través de diversas formas artísticas, mentres que outras, menos convencionais, como May You Live To See The Dawn, achegan a súa singularidade. Estes caudais entrelázanse, creando un remuíño de cine novo e predominantemente feminino, que en si mesmo reflicte unha promesa cinematográfica.

- Muiño d’Abaixo de Cris Souto. 2024
- .jpeg de Anxo González Álvarez. 2024
- A mirada delas de Clara Maseda da Veiga. 2024
- May You Live To See The Dawn de Patricia Lleras, Ramón Martínez. 2024
- El cuerpo que existe más que yo de Elena Mato. 2024
- Pura de Carmen Méndez. 2024
- Desencanto: ás veces síntome o puto amo, pero hoxe só me sinto un puto :( de Víctor Soho. 2024

Premios e xurado

O xurado da Sección Oficial Cosmos estará composto por cinco persoas con diversos perfís: o comisario e docente Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; o curador e programador Peter Taylor, director do Berwick Film Festival; a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata; a periodista Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine; e Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.

As películas programadas compiten polos seguintes galardóns: o Premio Cosmos á mellor película, dotado con 4.000 €: o Premio Cosmos á mellor película innovadora, cunha dotación de 2.000 €; o Premio Cosmos á mellor película española, que outorga á proposta á gañadora 1.000 € de dotación, outros 1.000 € en aluguer de material de rodaxe patrocinado por RC Service e a cualificación dos Premios Goya da Academia das Artes e das Ciencias Audiovisuais de España; o Premio Galiza, dotado con 2.000 € e o Premio Supernova, sen dotación e patrocinado por Galicia Calidade. Ademais, outorgaranse varios premios concedidos por xurados especiais: como o Premio do Público e o Premio Cátedra Cruz Vermella da USC, dotados cada un deles con 1.500 € , o Premio do Xurado Novo, cunha dotación de 1.000 € e o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Galicia Film Commission, Turismo de Santiago e galardoado cun curso de formación para as persoas integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.
Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.

Compartir: