DEPORTES

O I Torneo de fútbol 'Unindo Camiños' celébrase esta fin de semana co apoio do Concello de Santiago

21/08/2024 O I Torneo de Fútbol 'Unindo Camiños' iniciarase o vindeiro sábado 24 de agosto no Campo de Fútbol de Santa Isabel, onde dez clubs chegados de distintos puntos da Península polos que discorre o Camiño, disputarán a vitoria nesta primeira edición.

A iniciativa, promovida polo Sporting Santiago e co apoio do Concello, busca achegar este deporte a todas as idades e todos os públicos. Un dos principais obxectivos do torneo é compartir os valores da tradición xacobea como é o espírito deportivo e a unión. Para reforzar esta meta, integrantes e xogadores e xogadoras dos clubs poderán realizar unha visita cultural a Santiago de Compostela para coñecer o seu patrimonio, a súa gastronomía e a súa historia.

O torneo comezará o sábado 24 con dúas liguiñas entre os participantes, onde os equipos vencedores, clasificaranse para xogar o domingo 25 na semifinal e na final. Un dos eventos máis esperados é a final feminina entre o Dépor Abanca e o Victoria F.C. de Santiago.

Segundo a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, "apostar polo fútbol feminino é un reflexo de cambio cara unha sociedade máis feminista e inclusiva con todas as persoas". Por iso, tal e como sinalou a concelleira, "dende o Concello queremos apostar por iniciativas que apoien as mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados. Cremos que é urxente e necesario para acadar unha verdadeira igualdade de oportunidades".

Os clubs participantes nesta primeira edición son o S.D. Compostela; o E.D. Val do Miñor de Nigrán; o Sevilla Fútbol Club; o Pontevedra C.F., o Futbol Club de Porto; o Arosa S.C., o Real Deportivo de A Coruña e o Real Club Celta de Vigo.

Os e as participantes neste evento serán futbolistas entre 15 e 18 anos que xogarán na categoría Xuvenil División de Honra.

Compartir: