TURISMO

O venres comeza a segunda fase da campaña "Fráxil" para concienciar sobre a necesidade dun turismo respectuoso

19/08/2024 O Concello xa repartiu miles de carteis, trípticos, bolsas e manteis na primeira fase da campaña para informar sobre o Código de Boas Prácticas Turísticas na cidade.

A partires deste venres e durante 45 días, cinco parellas informarán a pé de rúa ás persoas que veñen facendo o Camiño de Santiago, turistas e visitantes sobre o dereito que teñen de gozar do noso Patrimonio e a obriga que teñen de coidalo e respetar a vida cotiá da veciñanza, logo de que a Xunta de Goberno adxudicase a semana pasada esta fase da campaña "Fráxil" á empresa Ardora Comunicación.

Esta acción de información a pé de rúa é o núcleo central da segunda fase da Campaña "Fráxil" deste verán, que pretende ser máis ambiciosa que a que se desenvolveu por primeira vez o ano pasado, cando o Concello elaborou un código de Boas Prácticas Turísticas, respostando así ás demandas de diferentes asociacións veciñais.

A primeira fase da campaña comezou en xullo cun reparto de diferentes materiais en máis de 100 albergues, comercios e locais de hostalaría. Este ano o reparto de materiais fíxose non só no propio Concello, senón tamén en albergues dos últimos tramos dos diferentes Camiños. En concreto, no Camiño Francés, en Melide, Arzúa e O Pino; no Camiño Inglés en Oroso; Camiño Portugués en Padrón e Ames; e na Vía da Prata Silleda, A Estrada, Vedra e Boqueixón.

As parellas que informarán a pé de rúa ubicaranse de 09.00 a 13.00 horas nas catro entradas do Camiño de Santiago: Francés, Portugués, Inglés e Vía da Prata, e nos principais puntos turísticos do Casco Histórico, especialmente nas catro prazas da Catedral. Estableceranse unha serie de quendas para que podan informar de xeito directo ao maior número de posible de persoas que visitan a cidade.

Estas parellas contarán cunhas tablets coas que informarán de xeito sinxelo e ameno sobre o obxectivo da campaña Fráxil e o Código de Boas Prácticas Turísticas, incluindo a necesidade de reducir os niveis de ruido que se fan, especialmente no caso dos grandes grupos.

Pero, ademais, estas parellas tamén darán información sobre outros puntos de interese de Compostela fóra do Casco Histórico, cun novo material elaborado para destacar que os atractivos de Santiago van moito máis alá dos que se poden atopar na amendoa, co obxectivo de deslocalizar os fluxos turísticos na cidade e aumentar a estadía media das persoas que nos visitan.

Compartir: