CAPITAL CULTURAL

As artes escénicas protagonizan a primeira semana do Festival C

05/08/2024 O Festival C arrancou cunha trintena de actividades que encherán o mes de agosto de propostas culturais de balde para todos os públicos. A compañía compostelá VacaBurra abre ás 20.00 horas o espazo de danza no cemiterio de Bonaval con Ruar, unha peza dirixida por Gena Baamonde e interpretada por Davide González e Andrea Quintana que convida a deambular sen rumbo predeterminado, permitir que sexa o corpo quen decida o percorrido e deixarse sorprender por canto acontece.

O traballo co corpo e o movemento centra tamén o laboratorio participativo que o Colectivo RMP desenvolve dende o 31 de xullo na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia da man do coreógrafo e bailarín Aleksandar Georgiev. Nel toman parte artistas e persoas interesadas no campo das artes performativas que durante estes días afondan nas claves de investigación e creación que Georgiev emprega na súa nova obra Fantastic Futures para así dar forma á proposta colectiva Fantastic Futures (A Beginning), A peza presentarase o mércores, día 7 de agosto, ás 20.00 horas no cemiterio de Bonaval.

Contos e monicreques para as tardes en familia

O parque de Bonaval dará tamén acubillo ás actividades de narración oral do Programa Apego, unha proposta do departamento de Lingua do Concello de Santiago dirixida ao público máis miúdo. O martes 6, ás 18.00 horas, a zona dos arcos virará en plataforma para ler e imaxinar en compañía da man de A tropa de trapo e o seu Barquiño de pau, unha peza para espertar os sentidos da rapazada e mergullala na exploración do mundo mariño dunha maneira amena e participativa.

En paralelo, o martes 6 e o mércores 7, Os Monicreques de Kukas asentaranse no paseo da Ferradura da Alameda (ao carón da estatua de Federico García Lorca) para ofrecer a veciñanza e visitantes unha tarde en familia. Con Gernika e S.O.S. Emerxencia Ambiental, dúas pezas pertencentes á modalidade de teatro coñecida como Tutilimundi, representarán escenas con figuras e decorados animados dentro dunha caixa para atraer a atención cara a cuestións sociais ben actuais. Cada un dos espectáculos ten unha duración aproximada de 5 minutos e iranse sucedendo en varias funcións ambos os días entre as 18 e as 20 horas.
A asistencia ás sesión de contos e ás representacións con monicreques é libre sen necesidade de reserva.

Obradoiros e espectáculos de circo

O circo goza tamén dun espazo de seu no Festival C. Será o protagonista absoluto das mañás grazas aos obradoiros circenses para a rapazada que se desenvolven os luns, mércores e venres das 11.30 ás 13.30 horas e teñen como punto de encontro a Casa das Máquinas. Unha vez reunido o grupo e recollidos os materiais neste novo espazo, a comitiva circense desprazarase ao parque de Galeras para pór en práctica acrobacias, malabares, equilibrios, danza, clown, teatro, ritmo e xogos, en sesións sempre adaptadas ao nivel e momento de cada participante e co fin de que a cativada poida descubrir de primeira man o mundo do Novo Circo. En caso de choiva, o obradoiro farase a cuberto na propia Casa das Máquinas. Cada grupo está limitado a 25 participantes, que poderán inscribirse mediante mensaxe ao enderezo circonoveoficina@gmail.com. Cómpre indicar no texto o nome completo e a idade da/o participante e os datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao seu cargo.

A axenda circense desta semana complétase coa presentación do espectáculo Lullaby, de Proyecto Kavauri, unha proposta na que o dúo de acróbatas protagonistas se ve na obriga de conciliar saltos mortais e piruetas co reto de ser nai e pai por primeira vez. Será o xoves, ás 20.00 horas, na praza da Quintana e a asistencia é libre e de balde.

Información actualizada na web e redes de Compostela Cultura

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.

Compartir: