CONSORCIO

Máis de 15.000 persoas visitaron a exposición "Santiago dC" no seu primeiro mes de apertura

01/06/2007 Dende a súa inauguración o 25 de abril, 15.563 persoas achegáronse ata "Santiago dC", unha exposición que reflicte a relación existente entre a memoria da cidade e o seu futuro, a relación entre o pasado e os proxectos que a transformaron e ampliaron. A exposición, conmemorativa do XV aniversario da creación do Consorcio de Santiago, pode verse no singular edificio do Banco de España nun horario de 10:00 a 24:00 horas, agás os martes, que permanece pechada.

Trátase dunha exposición de grande orixinalidade, seguindo a idea e concepto orixinal de Denis Hombre, director de Programas do Consorcio de Santiago, e comisariada por Manuel Blanco que, poucos días despois da súa montaxe, foi nomeado director do novo Museo Nacional de Arquitectura e Urbanismo, con sede en Salamanca, Barcelona e Madrid. Para él, Santiago é "unha cidade suspendida no aire, que flota entre o ceo e a terra". De acordo con esa visión, as fotografías que compoñen a mostra semellan estar suspendidas no aire, suxeitas dunhas finas barras de aceiro que recrean unha paisaxe sorprendente.

Deste xeito, un plano da cidade trazado no chan sirve de guieiro polas rúas do casco histórico, por riba das cales penduran as fotografías correspondentes a cada unha das rúas. Desta forma resulta doado dirixirse polos lugares da cidade que aos espectadores e visitantes lles interesa lembrar. Pero "SANTIAGO dC" tamén é o reflexo da cidade emerxente nestes últimos 15 anos, polo que o visitante pode admirar nun espazo distinto as imaxes de novos barrios como As Cancelas ou San Lázaro, ao tempo que actuacións de arquitectos de renome internacional como César Portela, Manuel Gallego, Antón García-Abril ou Álvaro Siza, entre outros.

Con esta mostra o Consorcio de Santiago pretende reforzar o papel do antigo edificio do Banco de España como futuro Museo de Santiago e das Peregrinacións. Pois tralo éxito da exposición anterior, "Intramuros", pola que pasaron máis de 130.000 visitantes, agárdase que esta nova iniciativa logre unha aceptación semellante ata o día do seu peche, o 30 de setembro.

Compartir: