CAPITAL CULTURAL

A vindeira semana arranca o festival Feito á man 2024, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella compostelá durante o mes de agosto

01/08/2024 O FaM2024 celebrarase do 5 ao 24 de agosto, promovido pola Asociación Cultural Cidade Vella coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, e apoiado por outras empresas colaboradoras. Trece escenarios ubicados por toda a cidade vella acollerán máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais. O escenario central será novamente o NARF e ubicarase na praza da Quintana e en Praterías.

A 21ª edición do festival Feito á man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella, celebrarase do 3 ao 24 de agosto e foi presentada esta mañá en rolda de prensa no Concello de Santiago.

Na sesión de presentación que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi, o presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais, e a directora do festival, Ánxeles Porto, deron conta da programación da edición deste ano da man, acompañados de Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela, que apoia un ano máis o desenvolvemento do festival.

Presentación da programación

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, resaltou "a aposta do festival pola creatividade, a diversidade e a singularidade cultural compostelá, sendo a cidade vella un escenario marabilloso de acubillo as propostas musicais do Feito a Man. Todas as artistas que chegarán neste agosto á cidade vella contribúen, un ano máis a construir o relato musical do noso concello, fíando a vecinas e visitantes as nosas rúas e prazas a través da música".

Dende a Asociación Cultural Cidade Vella -promotora do FaM-, Suso Pais quixo agradecer ao Concello e á Deputación o seu apoio nunha edición máis do festival. Na súa presentación, insistiu na importancia do apoio e complicidade das distintas administracións para o fomento da musica e a cultura nos locales composteláns, así como nas rúas e nas prazas da cidade. Dende a Asociación Cultural, que amalgama case unha vintena de locais de hostelería nocturna da cidade vella, reclaman a importancia de contar cun marco legal autonómico que permita o fomento de propostas ao vivo dentro e fora dos locais, respetando o patrimonio da nosa cidade.

Ánxeles Porto, directora artística do Festival, rematou a quenda de intervencións explicando a programación artística de edición de 2024 e a súa liña gráfica e conceptual resumida no lema "a cidade paralela, aquela que nos habita". A cartelaría, deseñada por Antón Quintáns, amosa unha xanela coas fiestras abertas, símbolo da abertura, a riqueza e a liberdade da que veciñanza e visitantes gozan na cidade vella. "Na imaxe, o interior e o exterior das casas comunícanse, conectando o íntimo das persoas co colectivo da rúa. A imaxe tenta reflexar Compostela como cidade que se impregna da sensibilidade, a ilusión e o xeito de vida alegre definitorio das e os picheleiros". A través da liña gráfica desta edición do FaM, a directora artística avoga pola reivindicación da vida pracentera no casco histórico. Quixo resaltar "a inclusión na liña gráfica desta edición do Feito A Man da cimbalaria -flor morada de tradicional floración na cidade vella- que aparece de xeito espontáneo nos recunchos da pedra composteláns, sen que ninguén o planifique, de xeito natural: igual ca a arte e a creatividade da nosa cidade".

A grella de programación da 21ª edición do Feito a Man

Baixo o lema "a cidade paralela, aquela que nos habita", o festival celebra o seu 21º aniversario cunha grella de programación de case corenta propostas musicais de moi diversos estilos. Do 5 ao 24 de agosto, a Rúa de Santo Agostiño, Praterías, a Praza dos Gatos, a Praza de Feixóo, a Quintana, a Vía Sacra ou San Paio de Antealtares serán algúns dos trece espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo.

Un dos sinais de identidade do festival continúa a ser a diversidade de estilos musicais que acolle na súa programación. Durante o mes de agosto, a veciñanza e as persoas visitantes da cidade histórica poderán gozar de artistas que navegan dende o jazz ata o groove, pasando polo folk, o blues ou a música tradicional galega, entre outras.

A programación contará con recoñecidas bandas da escena musical galega como Ruxe-Ruxe, Ailá ou Biribirlocke, mais tamén de novas formacións como Pablo Leira ou o dúo composto por Gloria Pavía e Rafa Morales. No menú musical deseñado por Ánxeles Porto para este caloroso mes de agosto, súmanse tamén propostas artísticas chegadas doutros países.Os arxentinos Claudio H. Mestís Trío e Lacandona, tamén fan parte do cartaz xunto a outras moitas artistas internacionais. Así, poderase gozar nas rúas da cidade vella de grupos coma os cubanos LAYUCA, David Alvarez y el trío Café Son ou Alejandro Vargas trío, que o público desfrutará nunha proposta de directo acompañado do galego Xosé Miguélez.

Escenario NARF, casa común do Feito a Man 2024

Como na pasada edición, o alcumado NARF é o escenario central do festival, onde todos os establecementos organizadores xúntanse para ofrecer unha programación conxunta. Nesta ocasión o escenario NARF é dobre e úbicase na Praza da Quintana e mais en Praterías, rendendo novamente homenaxe a Fran Pérez Narf, cancionista galego e gran amigo do festival, finado en 2016.

O Feito a Man 2024 dará comezo o día 5 de agosto na Praza dos Gatos cun concerto de Verónica Codesal e rematará o día 24 de agosto no Escenario NARF da Quintana co grupo Chekan

O festival está organizado un ano máis pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. É posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña e conta, ademais, con diferentes empresas coas que vén colaborando nos últimos anos como Estrella Galicia, Froq, Autos Brea, Vincusys, Casa de xantar O Dezaseis, Tórculo e Gadis.

Direccións relacionadas



Compartir: