SERVIZOS BÁSICOS COMUNITARIOS

O Concello de Santiago realizará este verán a última fase de renovación da iluminación pública con tecnoloxía LED

27/07/2024 A cidade conta xa con máis de 20.000 luminarias con tecnoloxía LED

O Concello de Santiago de Compostela avanzará nos vindeiros meses na renovación da iluminación pública das zonas urbanas da cidade, tras completar xa as parroquias. Esta renovación enmárcase no novo contrato de servizos enerxéticos de iluminación pública do Concello de Santiago de Compostela, executado polas empresas Ferrovial e Endesa X.

O contrato estrutúrase en tres grandes bloques, dunha banda, a renovación da instalación, na que se enmarcan estes traballos; doutra banda, a subministración enerxética, que será 100% procedente de enerxías renovables; e, por último, o mantemento da instalación, para acelerar a solución de avarías. Con este proxecto, o Concello de Santiago súmase ás cidades cunha iluminación pública tecnolóxica, eficiente e medioambientalmente sostible.

Neste sentido, o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías e Obras, Xesús Domínguez, valora o avance da renovación no rural e destacou que arrincará agora o seguinte fito que agarda se complete con "éxito" nas próximas semanas.

Máis de 20.000 novas luminarias LED

Actualmente, nestes meses de traballo renováronse máis de 20.000 luminarias LED, o que supón case o 90% do total. Instaláronse así dispositivos con tecnoloxía LED, máis eficientes e sostibles que o antigo vapor de sodio das anteriores luminarias.

Doutra banda, tras estes avances nas luminarias, as empresas responsables comezaron coa renovación dos cadros de mando. Actualmente a cidade conta con 356 cadros de mando novos, que supoñen un 65% dos que se renovarán ao rematar esta fase. Así, a renovada instalación de iluminación pública aumenta a seguridade eléctrica, ademais de reducir a contaminación lumínica e mellorar a calidade da iluminación.

No verán, renovarase a instalación das luminarias na rúa das Fontiñas e na rúa do Valiño, completando así os traballos neste importante barrio da cidade. Posteriormente, renovarase a iluminación do Cemiterio de Boisaca.

Tras estes últimos detalles na zona urbana, o Concello de Santiago abordará a renovación da instalación no Casco Histórico, que está prevista a partir do mes de agosto. Para Ferrovial, empresa a cargo da renovación, esta parte do proxecto primará a singularidade da zona monumental da cidade, garantindo o respecto do Patrimonio á vez que a súa correcta iluminación.

Esta prevista tamén a realización de traballos de renovación da iluminación do Campus Sur, co obxectivo de incrementar a visibilidade nocturna nesta área da cidade. Concretamente, actuarase na contorna comprendida entre a avenida das Burgas, a avenida das Ciencias, a avenida de Novoa Santos e a avenida de Compostela.

A veciñanza pode ademais comunicar calquera incidencia vía telefónica (900102301) ou na APP Liña Verde. Os avisos intégranse nunha plataforma de telexestión punto a punto, que detecta as avarías de forma automática e permiten a súa reparación nun curto período de tempo.

Compartir: