FESTAS

Recepción no Pazo de Raxoi ao delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo Santiago

25/07/2024 Como cada 25 de xullo, a capital de Galicia acolleu o acto de celebración da Ofrenda ao Apóstolo Santiago, cuxo delegado rexio foi, neste 2024, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Finalizada a cerimonia relixiosa na Catedral, a comitiva oficial foi recibida no Pazo de Raxoi pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e boa parte da Corporación Municipal.

O delegado rexio, Miguel Santalices, asinou no Libro de Honra do Concello de Santiago e pronunciou unhas verbas de agradecemento no Salón Vermello. A alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, deu a benvida a todos as persoas asistentes e comezou o seu discurso cun recordo para os mariñeiros galegos falecidos e desaparecidos no naufraxio nas Illas Malvinas e mandando "forza e enerxía" a familiares e amizades. A alcaldesa describiu o Concello como "un espazo de diálogo co mundo" no que se tecen "os densos lazos das relacións que Santiago cultiva" con institucións, organizacións e persoas e que "a veciñanza fortalece nun contexto cada vez máis globalizado"e cualificou Compostela como unha "mestura virtuosa" grazas "a sabermos acoller o de fóra sen desprezar o de dentro", "avanzar sen destruír, de progresar e ao mesmo tempo conservar as tradicións e o patrimonio que herdamos".

Na recepción estiveron presentes representantes de todos os grupos municipais, e autoridades como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o xefe da Oposición, Alberto Núñez Feijóo e o almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruíz; así como varios conselleiros e outras autoridades.

Actos protocolarios

Antes da cerimonia relixiosa, o delegado rexio pasou revista ás tropas na praza do Obradoiro, que este ano estivo composto pola escuadra de gastadores das Escolas de Especialidades Antonio de Escaño e da Estación Naval da Graña de Ferrol, formada por alumnos do curso de acceso á Escala de Suboficiais da Armada; a Unidade de música do Terzo do Norte de Infantería da Mariña, a bandeira e abandeirado do Terzo do Norte de Infantería da Mariña, o mando da Compañía, un tenente de navío da 31ª Escuadrilla de Escoltas de Ferrol, destinado na Fragata "Méndez Núñez", acompañado de cornetín de ordes e banderín; a sección de honores, con Oficial ao mando, do Rexemento de Infantería Isabel La Católica núm. 29; a Sección de honores, con oficial ao mando, do Arsenal de Ferrol, da 31ª Escuadrilla de escoltas e do mando da Forza de Acción Marítima de Ferrol, e a Sección de Honores, con oficial ao mando, do Terzo del Norte de Infantería da Mariña.

Finalizada a revista, o delegado despediu a bandeira e as tropas, e dirixiuse cara ás autoridades civís presentes na praza para saudalas. Tras este saúdo produciuse o encontro entre a procesión civil e a eclesiástica no centro da praza e o saúdo co arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, antes do comezo da cerimonia relixiosa e a ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Compartir: