FESTAS

Os Fogos do Apóstolo tinguiron de luz e cor o ceo compostelán

24/07/2024 O espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo do 24 de xullo lanzouse de xeito sincronizado desde tres localizacións, deixando unha fermosa estampa nocturna no ceo compostelán. A variedade de efectos e cores dos fogos artificiais e os diferentes escenarios de fondo lograron que veciñanza e visitantes puideran gozar dun espectáculo singular desde múltiples puntos da cidade.

A Alameda, a Escalinata de Fontiñas (Parque Carlomagno) e a Cidade da Cultura de Galicias foron os puntos dende os que se lanzaron os fogos esta noite, permitindo a un gran número composteláns e compostelás e visitantes presenciar o espectáculo desde diferentes localizacións da cidade.

Os Fogos destacaron polo seu ritmo, potencia, luminosidade e variedade de efectos e cores. Desde cada un destes tres puntos fixéronse 5.900 disparos, resultando un total de 17.700 disparos, cunha carga por punto de 1.200 quilos de NEC (Neto Explosivo Contido), o que vén resultar unha cifra total de 3.600 quilos.

O espectáculo arrancou ás 23:30 horas e durou arredor de 18 minutos cunha combinación de tronos e grandes bombas de cor, seguido dunha serie de conxuntos con figuras xeométricas e florais, entre outras, acompañados por varios efectos de son e luz para completar o espectáculo.

Programación do Día do Apóstolo

O Día de Galicia arranca cos actos de celebración da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago que comezará ás 10:00 horas na praza do Obradoiro. Ás 12:30 horas sairá a comparsa de cabezudos do Teatro Principal, lugar que tamén servirá de escenario, a partir das 19:00 horas, da segunda edición do acto institucional ‘Alba de Compostela’, no que se distinguirá a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o comerciante Xaquín Mato, a catedrática en Farmacoloxía Mabel Loza, e o presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández.

En canto ás propostas musicais da xornada, a charanga TNT percorrerá entre as 17 e as 20 horas as rúas da cidade vella; a partir das 21:00 horas, o artista Sr Salvaje ofrecerá un concerto no parque de Galeras, e a Quintana acollerá a actuación da cantante portuguesa ás 22:00 horas.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.

Compartir: