FESTAS

A sexta edición do TradFest ofrece quince propostas folk en varios escenarios da cidade

23/07/2024 O vindeiro domingo 28 xullo, dentro do programa das Festas do Apóstolo, celebrarase un ano máis o TradFest Compostela, unha celebración da música popular actual con concertos, feira de artesanía, ruadas e actividades que se desenvovlerán no parque e igrexa de san Domingos de Bonaval e na praza da Quintana. Este evento, producido por aCentral Folque e Nordesía conta co apoio do Concello de Santiago e de La Voz de Galicia.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic); Mauro Sanín de aCentral Folque; e o artista Eloy Vidal, do grupo Alana; presentaron esta mañá en rolda de prensa a nova edición do TradFest que traerá este domingo a Compostela propostas musicais de varios países.

O TradFest é unha festa da música popular con artistas galegos e internacionais que ofrecerán o vindeiro domingo 28 de xullo diversas estéticas arredor dos cantos, os bailes, a tradición, a contemporaneidade… en varios palcos do parque e da igrexa de Bonaval, finalizando a xornada na praza da Quintana. Para este ano, o elenco contempla artistas internacionais coma Crua e Luís Peixoto desde Portugal, Rholben desde Inglaterra, Le Mange Bal desde Bretaña e o concerto especial de 40º aniversario da mítica banda escocesa Capercaillie. De Galicia estarán Caamaño&Ameixeiras na praza da Quintana, Bailai Malditos (nas ruadas), Cantometrics, Lina e Lola, Os Carecos, Arroutes e Alana no parque de Bonaval e os máis íntimos recitais solistas de Marcos Teira e Ariel Ninas na igrexa de San Domingos.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, recordou que o acceso ás actuacións será libre e de balde, e convidou a toda a veciñanza a gozar desta cita musical interxeracional que é "unha oportunidade perfecta para compartir en familia, con amizades" e no que "a foliada está garantida".

Programa TRADFEST COMPOSTELA 2024

Parque de Bonaval:

Todo o día: Feira de Artesanía e Música

Bailai Malditos (ruadas pola cidade)

De mañá:

12.00 Costeira (na igrexa de San Domingos)
12.30 Cantometrics
13.30 Lina e Lola

De tarde:

14.30 CRUA
15.30 Luís Peixoto
16.30 Os Carecos
17.30 Arroutes
18.30 Alana
18.30 Ariel Ninas (na igrexa de San Domingos)
19.30 Rholben
20.30 Le Mange Bal

Praza da Quintana:

21.30 Caamaño & Ameixeiras 23.15 CAPERCAILLIE. "40º ANIVERSARIO"

Direccións relacionadas



Compartir: