XUNTA DE GOBERNO

O goberno local desbloquea o plan especial de Amio coa súa aprobación inicial e anuncia a construción do futuro parque de bombeiros nesa parcela

22/07/2024 O Goberno local comunicou hoxe que o futuro parque de bombeiros construirase nunha parcela municipal situada na avenida do Cruceiro da Coruña, renunciando á estrutura de Salgueiriños inicialmente pensada para ese fin. Esta decisión responde a "razóns de funcionalidade e seguridade", tal e como se recolle nas comparativas realizadas sobre as dúas localizacións posibles e no anteproxecto das instalacións do que xa dispón o Servizo Municipal de Extinción de Incendios. O anuncio prodúcese despois de que a Xunta de Goberno Local desbloqueara na súa reunión deste luns o Plan Especial de Infraestruturas e dotacións na parcela SU-4 (Área de Servizos Urbanos de Amio), unha actuación pendente desde 1989.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, compareceron en rolda de prensa para dar conta da decisión sobre o parque de bombeiros e da aprobación inicial do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións da parcela SU-4. Na comparecencia tamén participou o xefe de bombeiros, Manuel Sanmartín.

Problemas de operatividade en Salgueiriños
Xan Duro explicou que as instalacións do parque de bombeiros proxectadas en Salgueiriños "non reúnen as condicións necesarias para un edificio para o que se esixe a máxima operatividade e funcionalidade, e teñen moitas eivas para acoller un servizo das dimensións que se prevé que teña o dos bombeiros, cando ademais estamos a traballar na súa comarcalización".

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais explicou que, ademais das deficiencias do deseño do edificio da actual estrutura de Salgueiriños, "a súa localización xera dificultades no que tén que ver coas saídas dos vehículos de emerxencias". Así, explicou, "non ten a conexión máis apropiada cos polígonos industriais, a saída principal coincide co aparcadoiro de autobuses e o mercado de Salgueiriños; e a saída secundaria cara a rúa Manuel María é unha zona residencial na que se sitúa unha escola infantil, e na que hai rúas estreitas mesmo con redutores de velocidade".

Ademais diso, explicou Xan Duro, "a explanada exterior que rodea a estrutura xa construída non tén as dimensións axeitadas para permitir diferentes manobras, mesmo para o aparcamento dos vehículos do servizo de extinción, e carece de espazo suficiente para as prácticas dos bombeiros".

Xa máis relacionado co deseño da estrutura do edificio de Salguiriños, o concelleiro apuntou diferentes eivas, como que a zona da torre de manobras impide as prácticas con mangueiras de auga porque está rodeada de beirarrúas; as cucañas que baixan do edificio para o hangar serían inutilizables porque incumpren a normativa de riscos laborais, e no caso de saída de emerxencia "os efectivos terían que baxar dúas plantas do edificio polas escaleiras ata os vehículos, ralentizando o tempo de resposta diante dunha emerxencia". Outras deficiencias detectadas teñen que ver coas dimensións dos vestiarios "un proxecto que tampouco prevé vestiarios de homes e de mulleres".

Proxecto de Amio
Fronte a estas eivas, o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais explicou que a parcela elixida para a localización do parque de bombeiros "ten mellores conexións, tanto coa cidade como con outras infraestruturas como a AP-9 ou a A-54, unha cuestión importante pensando tamén na comarcalización do servizo". Neste sentido, salientou que "o tempo estimado de resposta cara o Ensanche é de 4´50´´, e ata a Praza do Obradoiro de só 3´45´´ ".

O edificio deseñado no anteproxecto presentado hoxe mellora sensiblemente o previsto en Salgueiriños, tal e como explicou Xan Duro. Así, o espazo de aparcamento está dimensionado para 20 vehículos de intervención, fronte aos 13 que terían cabida en Salgueiriños; os dormitorios para os bombeiros pasarían de 9 a 13; e tamén se multiplican as taquillas para os efectivos. Ademais, a localización en Amio permite mellorar notablemente o espazo para as prácticas dos bombeiros: o espazo para as mabiobras con vehículos pasa de 12 a 28 metros; habilitaráse un espazo para as prácticas con auga; e reservaranse espazos para outras zonas de prácticas como un labirinto de orientación. Tamén se prevé no anteproxecto unha área para ser destinada a museo de vehículos antigos do servizo de extinción.
O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais explicou que o cambio de localización non suporá un maior esforzo económico, "posto que a estimación presentada en abril fala dun orzamento de 2,8 millóns de euros, similar ao previsto para finalizar a estrutura de Salgueiriños".

Modificación do Planeamento pendente desde 1989
Durante a súa intervención, Iago Lestegás explicou que a Xunta de Goberno deu luz verde a esta aprobación inicial do plan especial que será definitiva cando vaia a pleno, tras os dous meses de exposición pública e unha vez obtidos os informes sectoriais preceptivos. Segundo as previsións do concelleiro, poderá estar aprobado de forma definitiva a finais de ano.
Asemade, Lestegás subliñou que a aprobación deste instrumento –que define tres zonas edificables-- é a proba de que este goberno está "desbloqueando" diversas cuestións pendentes dende hai moitos anos.

O concelleiro de Urbanismo explicou que se vai "graduar a edificabilidade", de forma que se concentre sobre todo na zona norte para crear unha fachada urbana (Avenida do Cruceiro da Coruña). A zona central será "máis branda" e incluirá unha zona verde, co obxectivo de mellorar a "calidade urbana" e de ofrecer un espazo de esparexemento ás persoas traballadoras do polígono.

Neste mesmo sentido de "calidade urbana", as normas de urbanización inclúen unha serie de criterios que haberá que seguir nos proxectos de urbanización para garantir unha adecuada xestión do ciclo da auga, para facilitar o mantemento dos espazos urbanizados e para asegurar suficientes elementos de sostibilidade, calidade e habitable (que afecta a cuestións como a permeabilidade dos pavimentos, calidade dos materiais, reciclaxe dos materiais, vexetación, verde urbano etc.

"Estamos incluíndo unha serie de condicións que se teñen que ter en conta cando se urbanice e que queremos que, a partir de agora, se inclúen en calquera proxecto de urbanización ou en calquera instrumento de planeamento que se aprobe", declarou Lestegás.

O plan especial, na zona ocupada actualmente polo mercado de gando de Amio, mantén os usos que se veñen desenvolvendo na actualidade: mercados-abastecemento e sociocultural. Nas tres ordenanzas permitirase calquera uso dotacional público que o concello considere adecuado. Na zona verde permitiranse edificacións auxiliares para usos deportivo, ocio e de restauración, con determinadas condicións.

Compartir: