PLENO

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda avanza nas políticas públicas de vivenda co estudo do mercado tensionado: "Non agardamos de brazos cruzados"

19/07/2024 O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, explicou no pleno ordinario deste mes de xullo os pasos que deu o goberno local no marco das políticas públicas de vivenda que está a impulsar e que é un dos eixos deste mandato. Así, avanzou que xa está en marcha o estudo sobre o mercado residencial que realiza o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña. Precisamente, este xoves mantivo unha reunión no Pazo de Raxoi con dous integrantes deste grupo de investigación, no que puideron analizar os primeiros resultados, de carácter provisional e preliminar.

No transcurso do pleno, en resposta a unha interpelación socialista, Iago Lestegás remarcou que este goberno "non agarda de brazos cruzados a que se resolva a problemática do arrendamento de tempada". O Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña está a elaborar o estudo que a Xunta de Galicia lle esixe ao Concello para, cando proceda, solicitar a declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado.

Con todo, o concelleiro incidiu en que o goberno local impulsa esta acción aínda que "esta documentación debería preparala a propia Xunta". Asemade, explicou que este goberno considerou conveniente e "prudente" agardar a que o goberno central complete a regulación do prezo do alugueiro incorporando tamén a ela o arrendamento de tempada, porque agora mesmo é unha "fenda" na lei polo dereito á vivenda e para evitar efectos non desexados acontecidos noutros territorios nos últimos meses.

Lestegás informou da xuntanza co Grupo de Estudos Territoriais, que mostrou resultados preliminares e provisionais do seu traballo que revelan que o que máis tensiona o mercado residencial de Santiago de Compostela é o arrendamento e que o indicador dos previstos no artigo 18 da lei polo dereito á vivenda que mostra resultados máis alarmantes é a variación acumulada do prezo do alugueiro entre 2018 e 2023.

"Os resultados que temos son aínda preliminares e provisionais, pero son moi útiles e ilustrativos, confirman, cuantifican e matizan algunhas tendencias evidentes pero tamén revelan algúns fenómenos que non o son tanto e que son interesantes", manifestou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica.

Así as cousas, Lestegás remarcou que este goberno "está dando os pasos necesarios" para a declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado, sendo "conscientes" dos elementos positivos, pero tamén, sinalou, sendo coñecedores "das eivas da Lei polo dereito á vivenda que é necesario corrixir tendo en conta a experiencia doutros territorios". Neste sentido, referiuse á proposición de lei impulsada polos sindicatos de inquilinos para apelar a que "o Congreso dos Deputados terá a oportunidade" de corrixir estas eivas cando someta a consideración e votación esta iniciativa lexislativa.

Outros asuntos

No pleno ordinario de xullo tamén se trataron unha serie de asuntos de carácter económico, entre eles, a aprobación de tres créditos extraordinarios por importe de 1.980.344,63; 148.736,67; e 40.000 euros, así como dun suplemento de crédito de 11.605,88 para o pago de diversos conceptos.

Así mesmo, o pleno deu luz verde por unanimidade á prórroga do convenio de colaboración formalizado o 1 de outubro de 2020 entre a Xunta de Galicia e os Concellos de Santiago e Teo, para a coordinación dos servicios de transporte público con orixe e destino na urbanización dos Tilos, nos termos nos que foi redactado, por catro anos adicionais, ata o 30 de setembro de 2028.

Tamén se aprobaron por unanimidade dúas proposicións do grupo municipal do PP para a creación dunha estratexia para un Santiago de Compostela amigable coas persoas maiores e para a reordenación da oficina de información municipal de urbanismo e vivenda.

Direccións relacionadas



Compartir: