MOBILIDADE

A concesionaria do transporte encarga as reparacións necesarias para garantir o funcionamento da app MaisBus

18/07/2024 A concesionaria do servizo de transporte urbano, Tralusa, ven de reclamarlle á súa operadora de telefonía que realice as reparacións necesarias para garantir o correcto funcionamento da app MaisBus. Despois da inspección realizada esta mañá por parte da empresa municipal Tussa, acometéronse outras medidas que o Concello considera provisionais e transitorias para recuperar a operatividade da aplicación.

Na inspección por parte de Tussa, Tralusa confirmou que a app MaisBus rexistrou fallos no seu funcionamento desde o 8 de xullo, se ben a caída total do sistema se produciu o pasado luns, día 15. Desde entón, a aplicación vén funcionando de maneira intermitente, nunha situación que o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, xa cualificou de "inaceptable" e que motivou a inspección realizada esta mañá, despois dos requirimentos que lle foran enviados a Tralusa nos días anteriores.

Desde a empresa municipal Tussa seguirase vixilante nos vindeiros días e en permanente comunicación con Tralusa para recuperar a operatividade da app MaisBus no menor prazo posible, ao tempo que se avalían os informes sobre a situación xerada nestes días.

Compartir: