ECONOMÍA E FACENDA

O concelleiro de Facenda anuncia o expediente de remanentes por 6,7 millóns co foco nas necesidades urxentes do Concello e as políticas de vivenda

18/07/2024 O concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, informou hoxe do expediente de utilización de remanentes que o Goberno local vai levar ao Pleno extraordinario do 31 de xullo e para o que agarda contar co apoio maioritario do resto de forzas da corporación municipal. Na súa intervención, lembrou que o Concello fixo "un esforzo" nas últimas semanas para pagar as facturas, incluidas as obrigas pedentes de aplicar (OPA), de xeito que parte dos remanentes foron empregados para este fin.

Manuel César destacou que se trata duns "remanentes responsables e realistas", que poñen o foco nas necesidades urxentes e nas políticas de vivenda, e que van tentar cubrir outras débedas que ten o Concello, algunhas que están xerando xuros. Ademais, lembrou que a propia normativa obriga a empregar estes remanentes para cuestións extraordinarias e urxentes. O total do expediente ascende a 6,7 millóns de euros.

Así as cousas, o concelleiro de Facenda destacou a construción de novos pasos de peóns elevados, a reparación de muros tradicionais, actuacións de drenaxe en puntos inundables, pintado de bancos e de barandas no aparcadoiro de San Lázaro, rexeneración asfáltica en zonas urbanas e limpeza de pasarelas nos ríos Sar e Sarela.

Tamén se vai destinar parte deste remanente de tesourería a dotar de moblaxe a recén inaugurada Casa das Máquinas, así como a mellorar a súa acústica. Outra partida irá destinada para o Centro Xove, así como hai una reserva orzamentaria para os centros socioculturais do rural e, en concreto, unha para o de Verdía.

Parte dos remanentes irá destinado a un estudo técnico e económico para a xestión do matadoiro municipal e outra máis para facer unha achega ao Refuxio de Animais de Bando, que normalmente conta con partidas "deficitarias" mentres as necesidades "van en aumento".

Ciclo da auga e casa en Mazarelos

Manuel César destacou que nos remanantes se inclúe un convenio interadministrativo coa Cátedra da Auga da Universidade da Coruña para realizar estudos sobre o ciclo integral da auga e a xestión futura.

Finalmente, subliñou que unha das partidas "máis importantes" incluídas nos remanentes é para a compra, se é posible, dunha casa na praza de Mazarelos, dun "edificio singular de interese público". Parte deste edificio forma parte do arco, a única entrada histórica á cidade vella de Santiago que se mantén en pé.

"Polo tanto, esta adquisición viría encamiñada dentro das políticas de defensa pública de vivenda, e destinaríase a aluguer de vivenda e sería unha das apostas deste expediente que de manera importante vai recibir fondos".

Agarda o apoio

O concelleiro de Facenda manifestou que este goberno agarda o "apoio maioritario" dos grupos políticos do pleno da corporación municipal e, singularmente, espera poder contar co apoio do socio prioritario, que é o PSdeG-PSOE.

Doutra banda, a preguntas dos medios, Manuel César Vila remitiu á rolda de prensa que fixo hai uns días para insistir en que o Goberno local conta con 13 persoas como personal eventual e a oposición (PPdeG e PSdeG-PSOE) con 9.
"Estos son os números, non sei cantas voltas máis lles podemos dar", engadiu, aclarando tamén que hai cinco direccións de área –que forman parte da estructura existente no Concello-- e xa había catro no mandato anterior.

"O Concello ten que funcionar con secretario, con interventores, con tesoureiros, con xefes de contabilidade, con asesoría xurídica, todo eso xa existía antes de chegar nós. Non vexo onde está o incremento do número de asesores, a non ser que queiran que desmatelemos o Concello e o seu funcionamento", sentenciou.

Compartir: