FESTAS

O pregón de Lucía Freitas inaugura as Festas do Apóstolo ao son dunha foliada aberta a toda a veciñanza

18/07/2024 As Festas do Apóstolo 2024 botan a andar mañá, venres 19, cun pregón a cargo da cociñeira compostelá Lucía Freitas, que terá lugar ás 21.30 h desde o balcón do Pazo de Raxoi e que estará amenizado por unha foliada colectiva na praza do Obradoiro a partir das 20:30 horas á que está convidada toda a veciñanza. A praza do Quintana acollerá a continuación o concerto de Dakidarría, unha banda galega que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía.

A chef Lucía Freitas será a encargada mañá de dar a benvida a unha nova edición das Festas grandes da cidade, que terán por diante trece días de folclore, orquestras, circo, danza, cabezudos, alboradas…e por suposto os tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31 e eventos para todos os públicos e idades que completan o programa desta edición.

A recoñecida cociñeira compostelá foi escollida como pregoeira destas Festas, ademais de pola súa vinculación con Compostela, cidade na que naceu e na que desenvolve a súa vida e profesión, pola súa filosofía culinaria na que fusiona a cociña de raíces coa vangarda e a modernidade, así como pola súa faceta social a través do proxecto ‘Amas da terra’ co que busca pór en valor o labor das labregas e as mariscadoras e promocionar o comercio de proximidade.

Ademais, por segundo ano consecutivo, o Concello convoca unha gran foliada popular para amenizar a noite do pregón polo que convida ás escolas de baile e grupos folclóricos e a toda a veciñanza en xeral a que se acheguen ao Obradoiro mañá a partir das 20:30 horas para formar parte deste espectáculo de baile e canto colectivo, sen importar a idade, condición física ou experiencia.

Despois do pregón, ás 22:15 horas, a praza da Quintana acollerá o concerto de Dakidarría, unha banda galega que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a que chega a Santiago para presentar o seu novo disco ‘XX’, rexistrado en directo en dous festivais emblemáticos da súa terra como son Revenidas e Castañazo Rock.

Trátase do primeiro concerto dunhas festas que contarán coa presenza de artistas da categoría de Femi Kuti & the positive force (luns 22), Harlem Gospel Travelers (martes 23), Zenet (mércores 24), Maro (xoves 25), Mercedes Peón (luns 29), Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Carmen París e Martirio-concerto Enredadas (martes 30) e Antònia Font (mércores 31).

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 26, e o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola solista Ana San Martín, o sábado 27.

Outras citas que acollerá esta praza serán as xornadas de Folclore galego, o sábado 20, e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 21. Ao longo da xornada do venres 19 terá lugar a terceira edición da Feira do Vestir "de onte a hoxe", con obradoiros, pasarelas e actividades para a cativada, no marco do programa do Día do Traxe Galego, que se desenvolverá ao longo do domingo 21. Este domingo tamén se celebrará Festa do Escalo en Chaián e o XLVIII Concurso de Pesca Deportiva que dará comezo ás 08.15 horas coa concentración dos pescadores na área recreativa

O programa tamén fará as delicias dos amantes da vertente máis tradicional coa celebración das Xornadas do Folclore Galego, do TRAD FEST ou do XLV Torneo da Chave, así como as populares alboradas e o desfile dos xigantes e cabezudos. A programación tamén ofrece outras actividades como o Festival Dron Gaelic GP Mundial.

A cita central cos Fogos do Apóstolo a noite do 24 e tamén a do día 31, así como as populares atraccións que desde o sábado 17 ata o domingo 31 de xullo poderán visitarse na Alameda, que este ano ampliará o seu horario inclusivo sen ruído a tres días, en concreto o 22, 28 e 29 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas.

O Concello tamén porá á disposición da cidadanía dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 19 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén se sumará un Punto Lila na praza Roxa, que estará aberto o día 27 de xullo, en horario de 19:00 a 23:00 horas e persoas itinerantes que ofrecerán información durante os concertos que se celebrarán no parque de Galeras.

Lucía Freitas

Lucía Freitas naceu en 1982 en Santiago de Compostela (Galicia, España). Aos 19 anos comezou os seus estudos na Escola Superior de Hostalería de Artxanda (Bilbao).

Nas súa ampla traxectoria destaca o seu paso por Mugaritz, onde descubriu o mundo verde e as hortas e onde se impregnou da filosofía e dos valores que rodean o produto de proximidade e que, a día de hoxe, caracterizan o seu traballo. Tamén pasou por Relais Chateau como xefa de pastelería do seu restaurante Tápies, o que lle permitiu definir a súa visión económica e estratéxica da gastronomía como negocio e foi o momento chave que deu lugar á apertura do seu primeiro restaurante: A Tafona, inaugurado en 2009 en Santiago.

Desde entón, a chef galega logrou diversos recoñecementos: o segundo posto no concurso nacional Cociñeiro do Ano (2016), unha estrela Michelin (2018) e dous soles (2019)para A Tafona . Ademais en 2017 abriu os proxectos "Tomiño, Taberna Galega" en Nova York e LUME en Santiago. En 2020 lanzou a súa liña de xeados de autora, Cinza, e o seu delivery "Misto".

O programa completo das Festas do Apóstolo está dispoñible na web do Concello.

Compartir: