MERCADOS

Todo listo para que as obras da Praza de Abastos poidan comezar en 2007

31/05/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, valorou a ratificación polo Consello da Xunta da achega económica da Administración autonómica para as obras da Praza de Abastos. "Autorízase a sinatura do convenio, o que expresa unha vontade pública da Xunta e nun documento do que ata agora era un compromiso de palabra", indicou.

Xosé Manuel Iglesias referiuse aos retrasos deste proxecto, que imputou ás "pequenas modificacións que fixeron no proxecto a Dirección Xeral de Arquitectura do Ministerio de Vivenda e o propio arquitecto, Francisco Vidal, sen comunicalas ao Concello". En calquera caso, apuntou que "as cifras están comprometidas e axustadas" e que, tralo visto bo da Xunta, "a sinatura do convenio é cuestión de días".

Segundo a súa previsión, as obras, que licitará o Ministerio de Vivenda, "poden iniciarse en 2007, de xeito que a intervención máis intensa se faga en 2008". A este respecto, lembrou que "a intervención farase coa Praza en funcionamento e de xeito que prexudique o menos posible á actividade comercial". A intención é acometer a obra "de fóra a dentro", comezando pola cuberta na parte do muro e rematando polos arranxos no interior".

Compartir: