MOBILIDADE

O Concello esíxelle á operadora do transporte que solucione os problemas de funcionamento da app MaisBus

17/07/2024 A empresa municipal Tussa volveu esixirlle hoxe á concesionaria do servizo de transporte urbano que acometa as medidas necesarias para solucionar os problemas de funcionamento do Sistema de Axuda á Explotación que se veñen rexistrando nos últimos días, e que está a provocar problemas na operatividade da app "maisbus".

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, avanzou que "mañá está previsto que se realice unha inspección para coñecer máis detalles da avaría, que Tralusa atribúe á súa operadora móbil".

Nos dous últimos días, o Sistema de Axuda á Explotación vén rexistrando graves erros de funcionamento, que provocaron mesmo que a app "maisbus" deixara de estar dispoñible. No día de onte, en torno ás 14.00 horas, Tralusa informou ao Concello de que o problema estaba solucionado, pero ao longo das últimas horas sucedéronse os fallos intermitentes tanto na aplicación como noutras funcións do sistema.

Por ese motivo, e a maiores do requirimento que xa lle fora remitido á concesionaria, Xan Duro explicou que "Tussa volveulle esixir á adxudicataria do transporte urbano que solucione canto antes estes fallos, que non son aceptables porque lle afectan directamente á fiabilidade do servizo". Mañá pola mañá está previsto que se realice unha inspección, e Tralusa deberá tamén facer entrega dos informes que expliquen os motivos da situación destes últimos días.

Compartir: