FESTAS

A cativada compostelá contará coa súa particular xornada de espectáculos e xogos na Festa Pícara do vindeiro 23 de xullo

05/07/2024 O Parque Eugenio Granell acollerá o vindeiro 23 de xullo, unha xornada de divertimento dedicada especificamente á cativada de Compostela, a Festa Pícara. Trátase dunha xornada encadrada na programación das Festas do Apóstolo que contará con actividades variadas de teatro, música, títeres, obradoiros na lingua propia e poñendo en valor a cultura do país e achegando os pequenos e pequenas á lusofonía a través da música.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada da coordinadora do evento, Emi Candal, da cooperativa Urdime, presentou esta mañá a programación da Festa PÍCARA, unha iniciativa "dirixida ás crianzas porque, aínda que nas festas hai motísimas actividades das que poder gozar en familia, dirixir actividades ao público infantil é un dos compromisos da Concellaría de Festas" e que se encadra dentro da programación do Apóstolo.

Segundo explicou a edila, a programación estenderase desde as 12 do mediodía ata as 8 da tarde e "estará chea de música e teatro, unha longa xornada que contará con zona de xantar, descanso e lactación, para todas as familias que o desexen poidan pasar un agradable día sen que a comida ou o descanso sexan un problema".

Pilar Lueiro animou "a todas as nenas e nenos de Santiago, e as súas familias e tamén dos arredores e quen teña a ben visitarnos, que participen da festa e gocen da xornada".

Programación

A programación comezará ás 12 horas coa actuación de circo, clown, música e humor de As Sircópatas, que presentan o seu novo traballo ‘Rogelio 3. La fête’. A partir das 13 horas terá lugar o concerto de celebración dos 15 anos de ‘A nena e o Grilo’, con Magin Branco, Teatro Ghazafelhos, A banda das Apertas e convidadas sorpresa.

Despois do xantar, ás 16 horas, dará comezo a contada "Unhas lentes como as do avó", que virá seguida da batucada Iguatuke e a animación ‘Danza dos paxaros’ de Can Cun Quinqué. A xornada rematará con dous concertos: Paio e o poder da música de Oviravai e Pakolas e as tripulantes.

A xornada tamén ofrecerá varios obradoiros: un para bebés e nenas de 0 a 3 anos con Babaluva, un de arte con plastilina, e un de sementes con Amarelas. Tamén haberá xogos fabricados con materiais reciclados e xoguetes tradicionais para todas as idades.

Accesibilidade

A Festa Pícara será unha festa inclusiva, polo que contará cun servizo de interpretación en linguaxe de signos no escenario musical e escénico, e tamén de apoio para aquelas persoas que o requiran nos espazos de xogos e obradoiros.

Ademais, ofrecerase a posibilidade de utilizar mochilas vibratorias cun sistema FM que converten o son en vibracións, permitindo que as persoas xordas desfruten da música ao vivo, sentíndoa dun xeito cómodo e personalizado. As persoas xordas que usan implantes ou audiófonos poderán conectar o son directamente á súa prótese e ter unha experiencia máis completa. Tamén haberá sinalización accesible e inclusiva.

Compartir: