CAPITAL CULTURAL

Ábrese o prazo de inscrición de curtametraxes no XXI Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto

05/07/2024 As propostas poderán concorrer ás seccións Cosmos, Supernova e Planeta GZ e deberán ser remitidas até o 20 de xullo a través da plataforma en liña shortfilmdepot.com

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto quece motores para a que será a súa vixésimo primeira edición e abre o prazo de presentación de filmes ás distintas seccións competitivas. As persoas e compañías produtoras interesadas en presentar os seus traballos poderán facelo de balde, a través da plataforma en liña shortfilmdepot.com, até o 20 de xullo.

Admítense pezas producidas despois de xaneiro de 2024 e sen limitación de xénero cinematográfico, categoría, temática ou lingua orixinal. Poderán concorrer á Sección Oficial Cosmos, fusión das anteriores Explora, Radar e Penínsulas, que abeira curtametraxes de calquera nacionalidade e ás seccións Planeta GZ e Supernova, especialmente dirixidas a producións con selo galego.

Cada solicitante poderá presentar tantas curtametraxes como desexe pero cada unha delas terá que inscribirse de xeito independente. Será a organización quen determine a sección que corresponde a cada obra independentemente da súa inscrición previa e cada filme poderá aspirar unicamente aos premios da sección na que foi finalmente inscrito e ao Premio do Público.

Así, outorgaranse o Premio Cosmos ao mellor filme (cunha dotación de 4 000 €), o Premio a mellor filme innovador (2 000 €) o Premio a mellor filme español (1 000 €), o Premio Galiza (2 000 €), o Premio Supernova (500 €), o Premio do Público (1 500 €) e o Premio do Xurado Novo (1 000 €) e concederanse tamén mencións especiais sen dotación en distintas categorías. As bases da convocatoria inclúen a nómina completa de galardóns, así como os requisitos de presentación das obras (formato, duración, subtitulado, etc) e poden ser consultadas na sede electrónica do Auditorio de Galicia.

A relación final de obras seleccionadas (en competición e fóra de competición) será publicada na web de Curtocircuíto aproximadamente un mes antes do arranque desta edición que do 1 ao 6 de outubro fará de Compostela a capital do cinema máis anovador.

Direccións relacionadas



Compartir: