TURISMO

A alcaldesa Goretti Sanmartín presenta unha proposta para a creación dun imposto por estadía: "É un clamor social"

04/07/2024 A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, xunto á concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou hoxe o documento ‘O imposto sobre estadías turísticas para Santiago de Compostela’, un documento elaborado no marco do Plan de Sostibilidade Turística no que participaron os catedráticos de Dereito Financieiro e Tributario César García Novoa e o catedrático de Xeografía Rubén Lois. "A sociedade de Santiago quere a taxa turística, é un clamor social", afirmou a rexidora compostelana, quen ofreceu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirse as veces necesarias para abordar esta cuestión, xunto con outras como o financiamento da capitalidade.

O documento presentado hoxe aborda, por unha banda, os datos turísticos que xustifican a implantación da chamada taxa turística. Neste sentido, o profesor Rubén Lois advertiu do "fortísimo" crecemento do turismo nos últimos anos e, especialmente, sinalou a "internacionalización". Sobre esta cuestión, engadiu que, precisamente, os turistas que proveñen doutros países están habituados á existencia dunha taxa ou imposto destas características.

Pola súa banda, César García Novoa explicou a proposta lexislativa que acompaña este documento para incidir en que o réxime xurídico constitucional do Estado fai necesario que a implantación de esta ‘taxa’ sexa un imposto propio da Comunidade Autónoma que teña a condición de "tributo cedido" aos concellos, tal e como formula a proposta lexislativa. En todo caso, remarcar que o recadaría, en dous periodos fiscais por parte do concello que teña cedido o tributo.

Nela, inclúense varios tramos no tipo de gravame, que van de 1 euro por unidade de estadía par hostais, pensión, pousadas, bloques e conxuntos de apartamentos turísticos estándar e no resto de hoteis rurais e cámpings ata os 2,5 euros para hoteis hoteis apartamentos, hoteis balneraios e hoteis talaso de 5 estrelas, gran luxo e catro estrellas superior.

O resto de tramos oscilan entre os 1,5 euros e os 2 euros, de forma progresiva en función do tipo de establecemento. O tempo máximo, computaranse un máximo de seis unidades de estadía por persoa, tal e como recolle o texto.

Esta proposta de Proxecto de Lei formula que os ingresos derivados do imposto sobre estadías turísticas corresponderían nun 95% aos concellos que o apliquen e nun 5% ao Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia.

Outra das novidades que inclúe a proposta que se lle fixo chegar á Xunta e ao Estado con antelación a esta presentación pública radica na gobernanza do tributo, tal e como explicou a concelleira Míriam Louzao. A xestora das competencias turísticas indicou que se pón o foco en tres foros de participación, recollendo as propostas e facendo do imposto (que deberá ser recollido nunha ordenanza municipal unha vez cedido ao Concello) un tributo transparente.

"A idea é impulsar un modelo de gobernanza do imposto innovador, baseado na participación e na transparencia, a través de tres grandes foros. O informe recolle incluso unha proposta de composición deste foros, atendendo á diversidade interna de cada sector, a partir da proposta de composición do Consello Municipal de Turismo e Cidade", expresou Míriam Louzao.

O catedrático César García Novoa indicou, asemade, que a principal diferenza co proxecto que se enviou anteriormente ten que ver coa cesión aos concellos. O imposto, ademais, recolle diferentes exencións, como son os menores de 18 anos, adultos acompañantes de menores excursionistas ou persoas con máis dun 66% de discapacidade.

Insta a facer posible a taxa en 2025

Na súa intervención, Goretti Sanmartín lembrou que o imposto de estadía xa podería estar funcionado este ano de ter aceptado a proposta que se lle enviou o ano pasado ao presidente da Xunta. Ademais, lembrou que o pasado 2 de outubro de 2023, tras a reunión bilateral entre ela mesma e o presidente da Xunta, o propio Rueda abriuse estudar a taxa turística para Compostela, que podería alcanzar os 3 millóns de recadación.

"Cando xa estamos na fase final e ter unha entrevista directa, institucional onde se lle poida explicar todo esto e falar, de forma colaborativa, se nos diga que non e que podemos falar máis adiante. Ás veces, o que parece, é que se queren dilatar os tempos", lamentou a rexidora da capital galega, quen lembrou que outra das cuestión que lle preocupan é que non se convocou o Consello da Capitalidade pese a estar en xullo.

"Nós o que pedimos é clareza. O que está claro é que a sociedade de Santiago de Compostela quere a taxa turística. É evidente que esto é un clamor e que o quere non a xente que pertence ao grupo do goberno, senón todo o mundo na cidade, insisto, a inmensa maioría da xente. Entonces, o que pedimos é que se nos diga con clareza si ou non", enfatizou a alcaldesa de Santiago.

Así as cousas, Goretti Sanmartín lembrou que esta proposta lexislativa pode ser levada ao Parlamento por parte da Xunta usando distintas fórmulas de tramitación e cunha tramitación rápida se hai vontade. Neste sentido, expresou o seu desexo de poder aplicala en 2025.

Compartir: