CULTURA

Aberto o prazo para concorrer ao Premio Exeria que muda o destino á residencia La Baldi, en Italia

30/06/2024 Desde o pasado venres 21 de xuño, e durante 30 días naturais, permanece aberto o prazo para que as escritoras e os escritores empadroados en Santiago de Compostela presenten solicitudes para o Premio Exeria que, nesta edición, muda o destino á residencia La Baldi, en Italia.

Trátase da terceira edición do Premio convocado pola Concellaría de Acción Cultural, que dirixe a concelleira Míriam Louzao, en colaboración coa entidade "Residencia Literaria 1863", xestionada pola autora Yolanda Castaño, co obxecto de apoiar procesos de creación de autores e autoras compostelás.
O obxectivo do premio, dotado con 3.000 euros, é fornecer á persoa gañadora dun espazo, un tempo e unha contorna axeitada para que se dedique en exclusiva a desenvolver o seu proxecto creativo dentro dun ámbito internacional. O espazo é a Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, contorno rural do sur da Toscana, onde a persoa gañadora poderá traballar na súa obra durante todo o mes de agosto.
O destino desta edición sitúase no territorio onde foi descuberto o códice que inclúe os rolos que contiñan as notas de viaxe escritas por Exeria, a escritora viaxeira que dá nome ao premio. Este códice fora descuberto en 1884 na Biblioteca della Confraternità dei Laici de Arezzo, municipio situado na Toscana.
A este premio poden concorrer autoras e autores que se dediquen á escrita creativa, residentes en Santiago de Compostela, con independencia do xénero literario. Os proxectos presentados serán avaliados por unha comisión composta por tres profesionais do ámbito literario galego que valorarán aspectos como a busca da calidade artística, a orixinalidade, a innovación e a viabilidade do proxecto.

Direccións relacionadas



Compartir: