PLENO

O Pleno aproba a incorporación das distincións Alba de Compostela e de Mulleres de Compostela ao Regulamento municipal de títulos, honras e condecoracións

27/06/2024 A sesión plenaria desta mañá deu luz verde á proposta da Alcaldía para a modificación do Regulamento de títulos, honras e condecoracións que permitirá a inclusión das distincións de "Alba de Compostela" e "Mulleres de Compostela" así como dunha serie de melloras de fondo e forma desta normativa municipal. Os grupos municipais tamén aprobaron por unanimidade unha declaración de felicitación e agradecemento ao Colexio A Inmaculada de Santiago con motivo do seu 100 anos de labor educativo na cidade.

A modificación do Regulamento permitirá, entre outros cambios, a inclusión dos galardóns outorgados baixo o selo de 'Alba de Compostela' e 'Mulleres de Compostela' dentro dos títulos, honras e condecoracións que poderá conferir o Concello de Santiago, incluso con carácter póstumo, para premiar especiais merecementos ou servizos extraordinarios.

Na súa intervención durante a sesión plenaria desta mañá, a alcaldesa Goretti Sanmartín defendeu a "lexitimidade" dos galardonados no Alba de Compostela na primeira edición, en 2023. "Iso non debe poñerse en dúbida", manifestou nunha intervención na que defendeu "avanzar cara adiante" neste 2024 co "acordo unánime dos grupos".

Con respeto á organización do acto, reiterou a vontade de diálogo sobre o encaixe do acto e defendeu que do mesmo xeito que o ano pasado "non colidiu" co resto de actos institucionais programadas para o 25 de xullo, esa será a mesma liña para a presente edición.

O galardón "Alba de Compostela" ten por fin distinguir anualmente a catro persoas ou entidades, vencelladas a Santiago de Compostela, que acadasen logros nos eidos social, cultural, científico, deportivo, artístico, veciñal o semellantes e que sexan un referente para a sociedade compostelá. O premio "Mulleres de Compostela" pretende recoñecer anualmente a oito mulleres, nacidas en Santiago de Compostela ou vencelladas á cidade, que nos seus eidos de actividade ou polas súas traxectorias poidan considerarse referentes sociais e no proceso para acadar a igualdade entre mulleres e homes.

Coa modificación da normativa aprobada hoxe búscase tamén resolver outras discordancias e defectos menores desta normativa, tras case seis anos da súa entrada en vigor. Deste xeito, cos estes cambios preténdese clarexar a xerarquía entre as honras e títulos de maior relevancia: a Medalla de ouro de Santiago de Compostela e os títulos de Fillo/a predilecto/a ou adoptivo/a); precisar a regulación dos títulos de "Fillo/a predilecto/a" e "Fillo/a adoptivo/a" co fin de acadar unha distinción clara entre os dous títulos; a supresión do título de "Cidadán/á ilustre", xa que nunca foi outorgado e quedaría cubertos cos novos galardóns "Alba de Compostela" e "Mulleres de Compostela". Con este cambio tamén se busca a adaptación do texto da disposición normativa á linguaxe inclusiva e a corrección de erros e deficiencias de técnica normativa presentes na redacción vixente, así como de erros gramaticais e sintácticos.

Declaración municipal

O Pleno municipal tamén aprobou esta mañá de maneira unánime unha declaración institucional de felicitación do concello ao centro educativo colexio a inmaculada polo cumprimento do seu centenario co obxectivo de "deixar constancia do seu agradecemento a este centro educativo que cumpre 100 anos e a todas as persoas que ao longo destes anos fixeron posible o seu labor asistencial e pedagóxico".

O texto recorda que "a historia do Colexio A Inmaculada comeza coa chegada a Santiago da familia Simeón" que "deciden crear unha escola para colaborar na formación da mocidade compostelá, esencialmente a máis humilde, enseguida pensan nesa orde relixiosa". "En 1920 colócase a primeira pedra nos terreos do campo de Pitelos, que pertencían á familia e que limitaban cunha propiedade do Concello" e "tres anos máis tarde, en 1924, inaugúrase o colexio con cinco aulas, unha capela, un salón de actos e a vivenda que destinaban para a residencia dos Irmáns que viñan dar as clases", recolle o documento.

A declaración destaca que o colexio foi coñecido desde o principio como "a universidade dos pobres", xa que "multitude de nenos sen recursos conseguen labrarse un futuro na cidade en bancos e comercios, que solicitaban aos Irmáns que o seu alumnado puidese saír e incorporarse antes de terminar os seus estudos a eses negocios" e recorda que polas súas aulas pasaron "insignes profesionais, como o ex presidente da Real Academia de Medicina, José Carro Otero, o catedrático e cardiólogo Alfonso Castro Beiras, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, Juan José Cebrián, sacerdote, historiador e experto na figura do Apóstolo, ou José María Paz Sueiro, primeiro tenente de alcalde do Concello".

A declaración tamén recoñece o labor dos irmáns de La Salle que "dedicaron a súa vida a este centro educativo" como os irmáns Eliseo, Mariano Arnillas, ou Santos Martín.

Outros acordos

Tamén foi aprobada por unanimidade a proposición presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE relativa á escola galega de saúde para os cidadáns da xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Compartir: