ALCALDÍA

Goretti Sanmartín proclama que a inauguración do Orbital "sinala o camiño para os seguintes retos" e pide a implicación de todas as administracións

27/06/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliñou hoxe o fito da inauguración do Orbital, un acontecemento que, xunto coa conexión coñecida como Orbitaliño, e que se iniciará en breve, "sinalan o camiño para os seguintes retos". Este novo enlace do Orbital permitirá mellorar as conexións entre a AP-9 e a A-54 e co aeroporto de Lavacolla, así como cos polígonos do Tambre, Costa Vella e Sionlla, aliviando retencións tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte.

Na súa intervención no acto inaugural xunto as demais autoridades, Goretti Sanmartín fixo votos por "poñer a mirada na continudade deste proxecto, vinculada ao desenvolvemento dun nodo loxístico en Compostela e á ampliación da nosa capacidade industrial con novos polígonos na zona norte".

"A diversificación económica, como clave da sustentabilidade, é un obxectivo irrenunciable e urxente, que pasa por manter a cidade de servizos, acolledora de turistas e peregrinos e sede institucional, e aproveitar tamén o papel que lle outorga a localización xeográfica central nos eixes de comunicación, o potencial innovador da Universidade e a capacidade produtiva da contorna", sinalou a rexedora.

Sanmartín, tras agradecer e parabenizar o remate da obra, instou a que hoxe tamén sexa a "inauguración dunha etapa que precisa de compromisos e de recursos cos que agardamos contar". Deste xeito, convidou a todas as institucións presentes –Xunta e Goberno do Estado– a "unirnos e poñer a mirada no futuro para continuarmos traballando por facelo realidade man a man, como Santiago merece".

Tras repasar os distintos fitos no crecemento da cidade, no que o Concello ao longo da súa historia sempre "protexeu o corazón e xerou novos espazos para o desenvolvemento", Sanmartín tamén incidiu en que o Concello, velando polos intereses que lle corresponden, foi quen de "introducir" este enlace orbital nas solucións propostas para a conexión da autoestrada AP-9 coa autovía A-54, hai agora 14 anos. "E, felizmente, chegou o momento de inaugurar este tramo. O importante investimento que supuxo, máis de 25 millóns de euros, dá a medida do esforzo e pode explicar os prazos", destacou.

"Estes fitos sinálannos o camiño para os seguintes retos. Temos agora que poñer a mirada na continudade deste proxecto, vinculada ao desenvolvemento dun nodo loxístico en Compostela e na ampliación da nosa capacidade industrial con novos polígonos na zona norte", manifestou na súa intervención.

A alcaldesa subliñou que a "diversificación económica, como clave da sustentabilidade, é un obxectivo irrenunciable e urxente, que pasa por manter a cidade de servizos, acolledora de turistas e peregrinos, e sede institucional, e aproveitar tamén o papel que lle outorga a localización xeográfica central nos eixes de comunicación, o potencial innovador da Universidade e a capacidade produtiva da contorna".

Conexións

Esta ligazón permitirá todos os movementos posibles entre a AP-9 e a A-54. Tamén mellorará substancialmente a conexión co aeroporto de Lavacolla, que gañará un acceso directo por vía de alta capacidade e gratuíta desde a autoestrada do Atlántico, que actualmente debe facerse por estrada secundaria. Por último, facilítase substancialmente a conexión cos polígonos do Tambre, Costa Vella e Sionlla, aliviando tráfico pesado e reducindo retencións en horas punta, tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte. Esta actuación estará completa cando se execute o orbitaliño, unha obra que enlazará o Orbital de Santiago coa estrada N-550.

Características técnicas

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investiu 22,5 millóns de euros na construción da nova vía, de 1 quilómetro de lonxitude, que parte do km 91 da A-54 na ligazón actual de San Marcos e conecta co km 64,5 da AP-9. Ademais, executou un pequeno tramo cara ao norte para enlazar co viario autonómico existente que dá acceso ao Polígono Empresarial da Sionlla-Costa Vella.

A nova Ligazón Orbital ten unha configuración tipo diamante con glorieta superior con catro ramais que permitirán realizar todos os movementos posibles entre a autoestrada AP-9 e a A-54. O viario terá unha plataforma con calzadas separadas, cada unha con dous carrís por sentido de 3,5 metros de ancho, mediana de 3,00 metros, beiravía exterior de 2,50 metros e interior de 1,00 metro.

Construíronse varias estruturas: dous pasos superiores para a glorieta elevada sobre a AP-9, unha ampliación dun paso inferior, a reposición dun paso superior na AP-9, un paso superior e un inferior para a reposición de camiños veciñais no tronco do viario de conexión, un desprazamento de pilas no tronco da A-54 para aloxar o tramo de trenzado e un muro de 356 m de lonxitude no ramal de saída da AP-9 dirección Santiago de Compostela.

Compartir: