DEPORTES

Este domingo arrancan os XV Xogos do Eixo Atlántico que contarán coa participación de 49 deportistas de Santiago

27/06/2024 2.400 participantes de Galicia e do Norte de Portugal reuniranse durante unha semana en V.N de Famalicão e Braga. Compostela participará con 49 deportistas en 6 modalidades distintas.

A XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico celebrarase nas cidades de Vila Nova de Famalicão e Braga, do 30 de xuño ao 5 de xullo. Esta nova edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que se celebran cada dous anos, será inaugurada o próximo día 30 de xuño nos xardíns de Paços do Concelho de Vila Nova de Famalicão a partir das 17.00 horas (hora local). O acto contará co desfile das delegacións que participan este ano e que reunirá preto de 2.400 inscritos, a cifra máis alta nos 30 anos de existencia dos Xogos.

As modalidades deportivas nas que se competirán son balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado. Como novidade desta edición, ao Fútbol 7 masculino súmase Fútbol 7 feminino. Nesta ocasión as competicións desenvolveranse paralelamente en Vila Nova de Famalicão e Braga, as dúas cidades organizadoras dos XV Xogos do Eixo Atlántico.

Santiago de Compostela achega un total de 49 participantes en 6 modalidades deportivas: baloncesto feminino, baloncesto masculino, fútbol 7 feminino (novidade nesta edición), atletismo adaptado masculino e atletismo adaptado feminino. Na anterior edición de 2022, a compostelá foi a delegación con máis ouros nas modalidades colectivas; posicionouse no primeiro lugar en baloncesto masculino, feminino e fútbol 7.

Desde a súa orixe, en 1995, esta competición é unha das principais bandeiras do Eixo Atlántico e un factor de gran mobilización de mozos deportistas. Realízanse de dous en dous anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa. Os Xogos fomentan a participación de toda a cidadanía e a construción da Eurorrexión do Eixo Atlántico que, á súa vez, enmárcase na construción da Europa das cidades e da cidadanía.

O deporte, a cultura e a educación son elementos imprescindibles para a construción dunha Europa social que impulsou Jacques Delors hai 30 anos e que hoxe están en risco ante o ascenso dunha extrema dereita antieuropeísta.

Deporte adaptado

Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra modalidades de deporte adaptado, coa participación de case 200 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de toda a cidadanía.

Nesta XV edición, o deportista homenaxeado é Luís Silva, medalla de ouro no Campionato de Europa de Boccia en 2013. O atleta paralímpico é o primeiro famalicense en conquistar unha medalla olímpica xa que conseguiu a prata na modalidade Pares BC3 nos Xogos Paralímpicos de Londres, en 2012.

Compartir: