PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello e Ourives de Compostela procuran a colaboración do Goberno do Estado no desenvolvemento do Plan Estratéxico da Ourivería

26/06/2024 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e os representantes da asociación Ourives de Compostela mantiveron hoxe unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia para presentarlle as actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico da Ourivería, na procura da colaboración do Executivo estatal. Pedro Blanco interesouse polo proxecto do Centro de referencia da Ourivería, e comprometeuse a explorar vías de cooperación por parte do Goberno central.

A reunión celebrada hoxe tiña como obxectivo revisar as actuacións do Plan Estratéxico da Ourivería, nas que están implicados o Concello, a través das concellarías de Promoción Económica e Capital Cultural, a Xunta de Galicia, a Deputación, a Universidade e a asociación Ourives de Compostela; e procurar a participación do Goberno de Estado nalgunhas das liñas de traballo abertas. Unha delas tén que ver coa creación dun Centro de Referencia da Ourivería, que non se limite a ser un espazo expositivo, senón que funcione como centro de transmisión do saber. O delegado do Goberno interesouse polo proxecto, que tén como obxectivo a posta en valor do oficio e a procura do relevo xeracional, e trasladarallo ao Executivo central para avaliar posibles vías de colaboración.

A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, e os representantes de Ourives de Compostela, Arturo Ouro e Lisardo Núñez; tamén informaron a Pedro Blanco doutras actuacións vinculadas ao Plan Estratéxico da Ourivería, como a posta en marcha dun plan de análise da autenticidade do acibeche, que garanta a calidade e o orixe do produto.

Compartir: