XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto do Centro Sociocultural e de Maiores do Ensanche

24/06/2024 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto básico e de execución das obras de acondicionamento do futuro Centro Sociocultural e de Maiores do Ensanche, que estará situado na antiga sede da Seguridade Social en San Pedro de Mezonzo. A actuación ten un orzamento dalgo máis dun millón de euros, e estímase un prazo de execución de 10 meses.

O Centro Sociocultural e de Maiores estará ubicado na planta baixa do nº 17 da rúa de San Pedro de Mezonzo, no local cedido ao Concello pola Tesourería Xeral da Seguridade Social por un prazo de 25 anos. As dependencias teñen unha superficie total de 1.200 metros cadrados, e o proxecto contempla a demolición das divisións e acabados actuais para darlle unha distribución acaída ao novo servizo, así como a renovación das fachadas tanto á rúa como ao patio interior. As obras teñen un orzamento previsto de 1.149.518,59 euros, IVE incluído.

Centro de atención polivalente

O novo servizo, que estará xestionado polas concellarías de Dereitos e Servizos Sociais e Centros Socioculturais, permitirá apostar polas actividades interxeracionais e fomentar o envellecemento activo da poboación maior de Compostela. Para iso, o centro contará con cinco espazos pensados para acoller obradoiros, unha ampla biblioteca vinculada a unha sala de lectura, e un salón de usos varios que terá capacidade para preto de 180 persoas. Tamén contará, ademais de con despachos, cunha praza e un patio interiores.

O Centro Sociocultural e de Maiores permitirá mellorar a oferta de actividades no Ensanche, posto que o actual centro centro sociocultural de Frei Rosendo Salvado ten maiores limitacións de espazo para acoller determinadas propostas que sí terán cabida nas novas dependencias. Ademais, será un servizo innovador para as máis de 23.000 persoas maiores de 65 anos que viven en Santiago, 4.800 delas no Ensanche.

Outros acordos

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou prorrogar o contrato de prestación do servizo de xestión das bibliotecas da rede de Centros Socioculturais, adxudicado no seu día á empresa Atlantic Ponte 2000 S.L. A prórroga será por un ano, ata o 30 de xuño de 2025, cun orzamento total de 211.629 euros.

Documentos relacionados



Compartir: